O goberno municipal vén de aprobar a solicitude de declaración de Área de Rehabilitación Integral Rural Descontinua (ARIRD) para o núcleo urbano e para o núcleo da Estación.

Esta solicitude, que foi rexeitada pola oposición no Pleno extraordinario do pasado mércores 28 e xullo, é o inicio da tramitación para que as vivendas situadas nestes dous núcleos poidan recibir subvencións para a súa rehabilitación unha vez que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) acepte a proposta.

114 vivendas e preto de 90.000 m2

Os núcleos incluídos na proposta abranguen un total de 114 vivendas, cunha superficie de 89.548,38 m² e esténdense en dúas áreas:

• O núcleo urbano: con 107 parcelas que inclúen 90 vivendas nunha superficie de 47.890,05 m².
• O núcleo da Estación: con 35 parcelas que inclúen 24 vivendas nunha superficie 41.658,33 m².

Esta proposta obedece ás previsións de demanda de vivenda nas Neves a curto e medio prazo e nace despois de diferentes estudos de mobilidade, sociolóxicos e demográficos, que contaron coa participación de toda a veciñanza e que determinaron o camiño a seguir neste eido.

Segundo o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, “esta declaración será a pedra angular do cambio demográfico en positivo das Neves e lamento que a oposición non a apoie nin participe dela, e actúe con excusas políticas e de costas ás veciñas e veciños das Neves”.