As ‘Subvencións Ágora 2021’ da Deputación de Pontevedra permitirán recuperar espazo público para as persoas gañándollo aos coches.

Así o anunciaron este mércores a presidenta, Carmela Silva, e o deputado de Mobilidade e Espazo Público, Uxío Benítez, quen deu a coñecer que a Xunta de Goberno deste venres aprobará axudas a 39 concellos da provincia por valor de máis de 2,2 millóns de euros para executar proxectos e obras que permitirán incrementar de forma notoria o espazo peonil, seguindo un modelo de calidade urbana.

Entre os concellos que recibirán estas axudas está As Neves, que contará con 50.000 €, no marco do ‘Eixo 1’ destas subvencións, destinadas á redación de proxectos. Neste caso serán para o acondicionamento da Praza de Santa María de Liñares, que recuperará máis de 1.500 m2 de espazo peonil.