Tal e como anunciara hai varios meses o Goberno municipal, o Concello das Neves cederá o ámbito da antiga Escola Infantil ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) para a ampliación do Centro de Saúde da vila que gañará, así, máis de 50 metros cadrados. 

Este mércores, o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña, estivo nas Neves para coñecer as novas intalacións e ultimar o traspaso das mesmas. Acompañado polo alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, a concelleira de Servizos Sociais, Pilar González Casas, a directora do Centro e persoal do mesmo, o xerente comprobou que o espazo que ocupaba a Escola Infantil está en perfecto estado e que, logo de pequenas modificacións, pode empregarse en só uns días.

No tempo no que se realizan eses cambios – que pasan pola retirada do mobiliario e enseres que quedaban por levar á nova Escola, pintura, limpeza e desinfección – o Concello e o Servizo Galego de Saúde asinarán o convenio de cesión, un trámite que, subliña Xosé Manuel Rodríguez, farase por un procedemento de “urxencia” e que estará rematado xa a vindeira semana.



O novo espazo, tal e como acordaron o alcalde e o xerente da Área Sanitaria, acollerá unha unidade de atención a persoas que poidan presentar síntomas de coronavirus que disporá de respiradores e estará separada do resto das dependencias.

A intención do Concello e do Sergas é que “o Centro de Saúde poida dispoñer deste espazo de xeito inmediato”, subliña o rexedor quen salienta e agradece a “colaboración e excelente coordinación entre o Concello das Neves, a dirección e persoal do Centro de Saúde e o Servizo Galego de Saúde durante a pandemia”.