A veciñanza do concello das Neves goza dunha nova iluminación exterior nalgunhas das súas rúas e prazas tras a actuación que se realizou cunha achega de 89.750 euros que o Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE) confirmou á Deputación de Pontevedra.
O cambio de luminarias supón para As Neves un aforro enerxético do 60% en lugares como a rúa Laredo, á que acudiron esta mañá o deputado de Cooperación, Santos Héctor, o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, xunto ao primeiro tenente de alcalde, Marcelino Couto, o segundo, Óscar González, e a concelleira de Benestar Social, Pilar González Casas.
As axudas están encadradas dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) para o período 2014-2020 , elaborado pola Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Función Pública do Goberno do Estado.
196 luminarias LED
Ademais desta rúa, as actuacións realizáronse noutros puntos do municipio como a EP-4203, as PO-415 e PO-400, as rúas Cruceiro, Álvaro Pino e Marques do Pazo, a Praza Maior ou a Praza San Agostiño.
En total instaláronse 196 luminarias LED, máis respectuosas co medio ambiente e cunha duración estimada de 100.000 horas. Con elas redúcese a potencia instalada mantendo a calidade de iluminación e mellorando a eficiencia das instalacións sen incrementar o número de puntos de luz.
As Neves, primeiro concello do Condado en ter todo o seu alumeado público con tecnoloxía LED
Antes de rematar este 2021 o alumeado público das Neves estará composto íntegramente por luminarias LED. Así, o noso concello será o primeiro do Condado que completará a renovación integral deixando definitivamente atrás o vello ‘sistema’ de vapor de mercurio.
Esta renovación abrangue preto de 2.500 puntos de luz, ademáis da substitución dos cadros eléctricos e os treitos máis deteriorados de todo o cableado.
Culmina, así, un traballo iniciado hai tres anos que tiña coma obxectivo, apunta o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, “chegar á totalidade do territorio municipal, retirando as vellas lámpadas obsoletas e contaminantes e colocando no seu lugar luminarias leds de alta tecnoloxía”.