As Concellerías de Cultura e Ensino colaboraron cos centros de ensino para a celebración do ‘Día de Rosalía’, promovendo actividades en todos eles e obtendo unha resposta moi activa, xa que, por primeira vez, os
cinco centros de ensino presentes no concello realizaron accións de homenaxe este 24 de febreiro.
Escolas infantís de Rubiós e Taboexa
Nas Escolas de Educación Infantil de Rubiós e Taboexa traballaron arredor do poema “O moucho”, con cancións e realizando obradoiros de cociña nos que elaboraron mouchos con galletas e madalenas.
CEIP Marquesa do Pazo da Mercé
No CEIP Marquesa do Pazo da Mercé realizaron lecturas, interpretacións musicais, a proxección da curta “Rosalía pequeniña” e un mosaico fotográfico reconstruíndo a faciana de Rosalía.
IES Pazo da Mercé
Pola súa parte, no IES Pazo da Mercé desenvolveuse un programa de actividades chamado “Rosaliándonos” que comezou o 22 de febreiro e rematará o xoves 4 de marzo. Nel inclúense conferencias sobre a escritora con profesoras universitarias da Coruña, de Barcelona e, mesmo de Gales; clases de poesía con María Lado, obradoiros de marcapáxinas, un recital grupal e un concurso literario.
Por último, o alumnado do Ciclo Superior de Educación Infantil da EFA elaborou un vídeo homenaxeando a escritora.
Dende as dúas concellerías colaboraron activamente con todos os centros de ensino aportando libros para agasallar ao alumnado participante nos concursos e certames literarios.
Ademais, as dúas concelleiras, de xeito simbólico, o día 24 levaron aos centros un libro e unha rosa. Indican Rocío Barreiro e Pilar González, que pretenden que esta sexa a primeira dunha longa e continuada colaboración entre os centros e a institución, e xa están a traballar
para as vindeiras efemérides.
Dende o martes, como vén sendo habitual dende 2016, na fachada da Casa do Concello, pendura unha pancarta homenaxeando a Rosalía de Castro.