O Goberno local das Neves levará ao Pleno da Corporación do vindeiro martes, día 7, unha proposta de acordo instando a Abanca a que elimine as comisións abusivas e que devolva as xa cobradas. Ademais, o Goberno municipal, integrado polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) e o Partido dos Socialistas de Galicia (PSdG-PSOE), fará extensiva esta solicitude a todas as entidades bancarias.
Afectou a pensionistas,autónomos e traballadores en situación de ERTE
Dende o Goberno nevense sinálase que nos últimos días, Abanca efectuou o cobro de 50 € en concepto de comisión semestral de mantemento aos seus usuarios e usuarias que afectou, fundamentalmente, a pensionistas, persoas autónomas e persoas traballadoras, moitas delas en situación de ERTE.
Así mesmo, lembra que esta entidade privada declarou uns beneficios de arredor de 405 millóns de euros en 2019, ao que contribuíron, en parte, comisións como as que veñen de cobrar estes días. Isto, logo de ter sido rescatada con 9.000 millóns de fondos públicos e malvendida a unha empresa estranxeira.
O Goberno Municipal rexeita o cobro destas comisións, considera que son abusivas e que afectan directamente á economía da maioría social da poboación, especialmente, nun momento tan delicado como o actual, no que xa se están a sufrir as consecuencias derivadas da crise da pandemia da Covid-19.
As entidades financieiras deben apoiar o tecido produtivo
Á vista desta situación, entende que todas as entidades financeiras deben poñerse, máis que nunca, á disposición das persoas, fomentando iniciativas de emprendemento, apoiando o tecido produtivo e evitando cobros de calquera tipo de comisión abusiva aos seus usuarios e usuarias, especialmente, ás máis vulnerables.