20 persoas desempregadas de Ponteareas e As Neves poderán acceder a
dous obradoiros de emprego dual, que comezan en outubro, un deles
centrado na atención sociosanitaria de persoas dependentes e outro que
formará ao alumnado na realización de actuacións forestais que se porán en práctica no parque da Picaraña de Ponteareas e no Chan de Vide das Neves.

Estas accións formativas contarán cun orzamento de 347.000€ que
financia a Xunta de Galicia e son a continuación de dúas formacións similares que ambos concellos impartiron durante os últimos meses.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, e o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, amosáronse “moi contentos de poder ofrecer esta oportunidade laboral á veciñanza, nunha visita ao alumnado dos obradoiros duais que rematan este mes nos dous concellos.

Prácticas en empresas

Os dous subliñaron que as accións formativas inclúen a posibilidade de
prácticas en empresas ao remate da formación, o que supón “unha grande
oportunidade de incorporarse ao mercado laboral”.

Formación no ámbito sociosanitario

A formación no ámbito sociasanitario preparará ao alumnado para atender a persoas dependentes no domicilio. Aprenderán un conxunto de ferramentas de atención dende unha perspectiva integral e normalizadora para atender a persoas que teñan limitada a súa autonomía persoal ou sufran casos de desintegración familiar.

A formación será tamén para o traballo en institucións sociais, os/as alumnos/as durante o servizo deberán aplicar os coñecementos adquiridos na súa estancia na residencia de maiores Santa Ana e no complexo residencial de atención a persoas dependentes de Vigo.

Actuacións forestais

A formación en actuacións forestais consistirá en realizar as operacións
auxiliares necesarias para a conservación e mellora do monte, para a
repoboación forestal, para a corrección hidrolóxico-forestal e a execución de tratamentos silvícolas no Parque Forestal da Picaraña (Ponteareas) e no Chan de Vide.

As persoas interesadas para realizar a inscrición e pedir máis información deberán solicitar unha cita na oficina de emprego.