O Concello das Neves está adherido ao Plan Revitaliza posto en marcha pola Deputación de Pontevedra dende os seus inicios, apostando pola mudanza cara un modelo de xestión de residuos máis sustentable e respectuosa co medio que nos rodea.

Nestes anos, entregáronse aos veciños  uns 1.050 composteiros individuais e instaláronse 5 centros de compostaxe comunitaria no casco urbano (4 deles para uso dos veciños e veciñas e 1 que dá servizo á cociña do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé). Ademais, todos os centros de
ensino dos distintos niveis educativos do concello contan tamén cun composteiro individual para fomentar a educación ambiental neste eido.

Cabe facer especial mención a que todo o compost obtido a partir dos biorresiduos xestionados no CEIP Marquesa do Pazo da Mercé foi empregado no propio centro, ben na horta ou ben en diferentes actividades organizadas polo colexio, pechando deste xeito o ciclo e dando lugar a un proceso de xestión de residuos km 0.

Nos anos 2018, 2019 e 2020, os centros de compostaxe comunitarios xestionaron máis de 56 toneladas de residuos orgánicos e fracción vexetal, os cales produciron un recurso moi valioso como é o compost que, pola súa estrutura aterroada conta con numerosos beneficios para a terra, xa que facilita a formación de conglomerados do solo, o que lle permite manter unha correcta aireación e humidade.

Trátase dun produto natural, sen compostos químicos e libre de patóxenos, que en moitos casos actúa como bactericida e funxicida. É un excelente fertilizante para as plantas por ser rico en nutrientes e macronutrientes, pechando así o ciclo da materia orgánica.

 Acabas de chegar á túa casa nas Neves de vacacións? Aínda non tes o teu composteiro individual?
Necesitas compost producido nos composteiros comunitarios do concello? É ideal para fertilizar a túa horta e as túas plantas!
 Chama ao 676 68 67 52 de luns a venres de 9:00 a 14:00 h e solicítaos totalmente de balde!!