O Concello das Neves ven de levar a cabo a sinalización do xacemento paleolítico de Porto Maior coa subvención da Deputación de Pontevedra para a rehabilitación e a sinalización do patrimonio  histórico-cultural, dirixida aos concellos da provincia de Pontevedra para o ano 2020.

O mencionado lugar é o xacemento arqueolóxico máis antigo de Galicia, cunha cronoloxía máxima duns 320.000 anos e que amosa rexistro de  ocupación humana ata os 210.000 anos.

Á marxe da cuestión cronolóxica, neste xacemento tense constancia dun escenario de ocupación único a escala continental. Este chan de ocupación caracterízase por unha inxente acumulación de grandes ferramentas de pedra, que unicamente atopa exemplos semellantes no continente africano.

A diferencia de outros tipos de xacementos arqueolóxicos de épocas máis modernas, o rexistro deste tipo de enclaves unicamente é visible durante o proceso de escavación ou mediante accións de musealización in situ moi  custosas. Neste senso, queda totalmente xustificado o interese desta  actuación de sinalización, que é complementaria a outros proxectos, xa en  marcha, promovidos dende o Concello das Neves para a recuperación natural do entorno do xacemento de Porto Maior.

Porto maior


O xacemento paleolítico de Porto Maior sitúase na beira interna dunha ampla curva do río Miño no concello das Neves (Pontevedra). Localizouse de xeito casual no ano 2005, co gallo da realización dunhas obras de extracción de terras, que deixaron a vista unha sección dos seus depósitos xeolóxicos. Está nunha zona de transición entre un tramo do Miño fortemente encaixado no substrato granítico e outro de amplo e ancho val.

Desde un punto de vista morfoestratigráfico Porto Maior asóciase cos  depósitos dunha terraza fluvial a +34 m sobre o curso actual do río. A secuencia estratigráfica presenta un amplo desenvolvemento de máis de 7m de espesor con abondosas mostras de ocupación humana. Na  investigación do xacemento traballou un equipo internacional de científicos, encabezados por Eduardo Méndez-Quintas, Manuel Santonja e Alfredo Pérez-González.

Os datos cronolóxicos derivados dos múltiples métodos de datación  numérica empregados no xacemento (Resonancia de Espín Electromagnética, Luminiscencia Opticamente Estimulada termicamente transferida -TT-OSL- e Luminiscencia estimulada por infravermellos post- infravermello -pIR-IR-) indican que a ocupación do lugar desenvolveríase entre os 320.000 e os 210.000 anos. Deste xeito, Porto Maior constitúese como o xacemento máis antigo de Galicia cunha cronoloxía, ben establecida, próxima aos 300.000 anos de antigüidade. Non se coñece a día  de hoxe xacemento de cronoloxía semellante en ningún outro punto de Galicia e confírmase de xeito incuestionable a presenza humana na rexión en cronoloxías moi antigas.