As Neves inicia este domingo, día 10, as actividades da XV Festa do Tinto das Rías Baixas, que terá o seu día central o martes, 12 de outubro. A festa recupera, case na súa totalidade, o seu formato habitual, logo das restricións do ano pasado, seguindo as medidas aprobadas polas autoridades sanitarias, e extremará o respecto á separación de seguridade, os aforos e a desinfección de mans, pedindo a colaboración dos asistentes.

Este 2021 será posíbel volver a gozar da natureza, as actividades para nenas e nenos,a música, o deporte, obradoiros, as novas propostas e, por suposto, do viño e da gastronomía.

Este domingo, día 10, de 09:30 a 13:00h. será o tempo da ‘Andaina do Requeixo e do Tinto’, que sairá dende a Praza do Concello e percorrerá parte do Concello. As persoas interesadas en coñecer parte da nosa natureza e paisaxe poden inscribirse en: turismo@asneves.gal.

Xa pola tarde, ás 19:30h. na Casa da Auga Chan de Vide, presentación da Adega Chan de Vide.

Martes, 12 de outubro

O martes, 12, será o ‘día grande’ do Tinto das Rías Baixa, cun programa que empezará ás 11 da mañá coa apertura da festa; seguirá ao mediodía o Concerto da Coral Polifónica Santa María das Neves. Ás 12:30, terá lugar a recepción de autoridades na Casa do Concello, previa ao pregón, previsto para as 13:00h., a cargo de Pablo Méndez, Premio Xove Empresario de Galicia 2021, e Sara Vila, Premio Illa Nova de Narrativa 2021.

Será ás 13:30h. cando actuará o grupo Os Monifates, dando paso ás 14:30h. á presentación da Adega Chan de Vide e, de seguido, ás 15:00h. a música de Cé Orquestra Pantasma.

Xa polo serán, ás 17:00h. chegará o espectáculo infantil ‘Brinca Vai!De aquí acolá’, de Paco Nogueiras. Dende esa mesma hora e ata as 20:00h., haberá unha ‘Xornada de Cultura Urbana’, na Praza do Concello, con obradoiros de Graffiti, Skateboard, Danzas Urbanas e Stencil.

O día rematará ás 20:00h. co Concerto de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre.



A programación desta XV Festa do Tinto Rías Baixas, terá o seu peche o xoves, día 14, coa ‘Cata Profesional’ para as adegas participantes cos expertos internacionais David Schwarzwälder e Yvonne Heistermann.