O Concello vén de solicitar a inclusión de máis zonas no Convenio con Seaga para a xestión da biomasa das faixas de protección dos núcleos de poboación. Os traballos, que se suman aos que xa se iniciaron nas faixas de Liñares, Tortoreos e As Neves, suman ata 10 hectáreas de execucións subsidiarias, 10 Km de beiras de pistas, e actuacións nos terreos nos que se desenvolverá a aldea modelo.
Novas actuacións aprobadas
Nestas novas faixas das vías municipais, que xa foron aprobadas pola comisión de seguimento do convenio, realizaranse inspeccións en campo e notificarase aos propietarios das parcelas sen xestionar. Os propietarios contarán cun prazo de 30 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da notificación para xestionar a parte afectada das parcelas. Se pasado ese prazo non se actuou nestas, Seaga procederá a realizar os traballos con cargo ao convenio.
Retirada de piñeiros, acacias ou eucaliptos
Estes traballos consistirán na roza do mato e a retirada de especies arbóreas non permitidas (piñeiros, acacias, eucaliptos,) nos 6 metros a cada lado das marxes das vías de titularidade municipal aprobadas, para adecualas ás distancias establecidas na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia e na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
No caso de haber madeira de especies que non poidan estar presentes, os propietarios poderán retirala antes de que remate o prazo indicado. Se é Seaga quen finalmente realiza estes traballos a madeira sería decomisada polo convenio.
As novas zonas incluídas nestas faixas son:
Santa Eulalia de Batalláns: Gandarela.
San Pedro de Batalláns: Pista da zona do torreiro a Guimeráns.
Taboexa: Do CIPC a zona da Cabreira.
Rubiós: Baixada as Gándaras, da Ribadeira á Lomba e a zona do Hotel Nande. Do Casteliño ao Lombo.
Setados e As Neves: De Barrela a Garavisco.
Vide: O acceso a Prado.
Santiago de Ribarteme: Da fonte da Ceferina a Ninarellos.
San Xosé de Ribarteme. De Quinteiro por Rodeiro a Moradella e A Cernada.