O alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, acompañou este domingo pasado á directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, nunha visita ao miradoiro de San Nomedio, logo das melloras realizadas no mesmo grazas a unha achega de preto de 30.000€ por parte da Consellería de Cultura e Turismo do Goberno de Galicia.
Rodríguez Méndez subliñou que o miradoiro “ten unhas vistas únicas da comarca do Condado” e constitúe un lugar inmellorábel, tanto para quen queren gozar da natureza coma para os amantes da astronomía, “pola súa situación coma pola escasa contaminación lumínica”, o que permite unha observación clara do firmamento.
Xeodestino Condado-Paradanta
O Xeodestino Condado Paradanta, dependente do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Condado Paradanta, está a potenciar o proxecto dunha rede de miradoiros nos concellos que forman parte do mesmo e contempla un miradoiro de iguais características en cada vila da comarca.
694 metros de altitude
O miradoiro de San Nomedio atópase a 694 metros de altitude nun monte de grande pendente, pertencente aos montes de A Paradanta, aberto a impresionantes vistas sobre o val do Termes e do Xuliana, ademais do Miño, xa máis lonxe, abranguendo, xunto a parte de As Neves, o norte de Portugal.
No mesmo, como puido ver este domingo a directora de Turismo da Xunta, rematouse unha construción en ‘forma de tubo’ que serve de guía para mirar ao leste, cara ao nacemento do sol-o amencer- e ao oeste-o solpor-ofrecendo unha vista panorámica de boa parte de As Neves.
Ademais, tamén está acabado o ‘observatorio nocturno’, que conta cunha serie de pezas en forma de circunferencia que serven para sentarse e observar o ceo e as estrelas.