Blog

02 Ago
0

O Concello celebra a festividade das Neves con música e maxia

 

O vindeiro xoves, 5 de agosto, con motivo da celebración do día das Neves, o Concello leva a música a Praza Maior e a maxia ao espazo do Mercado Municipal.

• Ás 13:00 h terá lugar na Praza Maior un acto institucional seguido dunha sesión de música ofrecida pola Banda de Música Popular de Rubiós.

• A partir das 19:00 h en diferentes zonas do espazo do Mercado Municipal, que acolle temporalmente as funcións da Casa da Xuventude, desenvolverase o espectáculo Triscos de maxia, con tres pequenas actuacións de maxia para a mocidade.

• A xornada rematará coa actuación musical de Pelepau e a Banda de Música Popular de Rubiós, que terá lugar na Praza Maior ás 22:00 h.

???? As actividades desenvolverante seguindo as normas de seguridade fronte á Covid-19 vixentes. Todos os aforos estarán limitados e con control e rexistro de acceso.

Ler Máis
01 Ago
0

As Neves no nivel medio de restricións fronte á Covid-19

Dende este sábado 31 de xullo, As Neves está no ‘nivel medio’ de restricións fronte á COVID. Isto reduce a capacidade das terrazas na hostalería ata o 50%, tal e como aprobou a Xunta.
ℹ️Toda a información no DOG 139-bis do 22/07/21: https://bit.ly/3i9VA8X

Ler Máis
28 Xul
0

Adxudicadas as axudas a asociacións culturais, sociais e de actividade comercial

O Goberno local das Neves aprobou as axudas municipais a asociacións
culturais, sociais e de actividade comercial, despois da avaliación realizada polas correspondentes comisións avaliadoras.

Actividades Culturais

Para a convocatoria de axudas para a realización de actividades culturais durante o ano 2021, presentáronse un total de oito solicitudes. AC Banda de Música Popular de Rubiós, AC Unitaria de Vide, Asociación de Mulleres Rurais Chan dos Casteliños, a EFAG EFA A Cancela, a Coral Santa
María das Neves, a AC As Neves Group, a AAVV San Cibrán e a ACD Sanomedio.

A Asociación Coral Santa María das Neves e a ACD Sanomedio, non presentaron a documentación requirida, polo que quedaron desistidas por falta de documentación.

Pola súa banda, as propostas das demais asociacións foron avaliadas e puntuadas e, dado que o orzamento total da bolsa, de 16.750 €, foi suficiente para satisfacer o 80% de todas as solicitudes (máximo permitido segundo as bases), adxudícase esta contía a todas as propostas.

Axudas Actividades Sociais

Á convocatoria de axudas para a realización de actividades sociais, presentáronse un total de catro solicitudes. Foron a Asociación Española Contra o Cancro, A Asociación Merenda Creativa, a Asociación Avelaíña e a Fundación Amigos de Galicia.

As propostas foron avaliadas e as contías foron asignadas tendo en conta que o crédito máximo habilitado para esta finalidade é de 5.250€, e que cada Asociación pode optar a un máximo do 80% (cun límite de 3.000 €).

Deste xeito, outorgouse a cantidade máxima á proposta de maior puntuación, presentada pola Fundación Amigos de Galicia, e para as demais, aplicouse unha corrección tendo en conta o número de puntos obtidos despois da valoración realizada pola comisión.

Actividades de promoción e dinamización comercial

Por último, no caso das axudas para a realización de actividades de promoción e dinamización comercial, só se recibiu a proposta presentada pola Asociación de Empresarios e Comerciantes de As Neves.

Despois de valorar a proposta, tendo en conta que o crédito máximo habilitado para esta finalidade é de 2.500 €, e que cada Asociación pode optar a un máximo do 80%; concédese esta porcentaxe, ao non superar o máximo permitido.

Ler Máis
27 Xul
0

Pleno extraordinario para a Aprobación da Solicitude de Declaración de Area de Rehabilitación Integral (ARI)

As Neves celebra este mércores, día 28 de xullo, ás 09:30h. un pleno extraordinario para a Aprobación, se procede, da Solicitude de Declaración de Area de Rehabilitación Integral (ARI)

A competencia para a declaración do ARI corresponde á Presidencia do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) previa solicitude formulada polo Concello.

Proponse unha memoria para realizar a solicitude dirixida á Dirección Xeral do IGVS que inclúe a seguinte documentación:

1) Obxectivos que se pretenden coa declaración proposta e indicadores de seguimento que permitirán a súa análise.

2) Relación das rúas comprendidas, números postais, número total de edificios e vivendas dentro do ámbito.

A ARI das Neves incluiría 114 vivendas, cunha superficie de 89.548,38 m² e esténdese en dúas áreas:
NÚCLEO URBANO, conta con 107 parcelas que inclúen 90 vivendas nunha superficie de 47.890,05 m².
NÚCLEO DA ESTACIÓN, conta con 35 parcelas que inclúen 24 vivendas nunha superficie 41.658,33 m².

Que significa que aproben esta declaración?

Unha vez declarada a ARI:

1) O Concello publica unhas bases de subvención e abre o prazo para que os particulares presenten a súa solicitude para rehabilitación da súa vivenda ou dos elementos comúns do edificio e inícianse os trámites para aprobación inicial das subvencións por parte do Concello.

2) O Concello disporá dunha oficina de rehabilitación municipal para informar aos particulares técnica e administrativamente, realizar as visitas aos inmobles, e realizar todas as comprobacións necesarias de cara ao Concello e á Xunta de Galicia para que se cumpran as normas de aplicación ás subvencións.

3) As persoas propietarias de inmobles incluídos na ARI, poderán obter subvencións para os custes de rehabilitación e edificación que se xestionarán a través da oficina municipal de información.

Ler Máis
27 Xul
0

A Unidade móbil de doazón de sangue nas Neves

Este mércores, día 28 de xullo, estará fronte ao Centro de Saúde das Neves unha unidade móbil de doazón en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas.

Galicia precisa 500 donacións de sangue ao día para dar resposta ás necesidades dos hospitais.  

A Axencia de doazón de órganos e sangue (ADOS), informaba hoxe que as reservas de sangue dos grupos B+, 0+ e 0– están baixas. Doa e axúdanos a mantelas estables.10 minutos da túa vida, poden salvar outras moitas!

 

Ler Máis
26 Xul
0

As Neves xa está na plataforma ‘Vente a vivir a un pueblo’

O Concello vén de rexistrar As Neves na web ‘Vente a vivir a un pueblo’, unha plataforma que pon en contacto persoas interesadas en vivir nun espazo rural con lugares rurais nos que vivir.

Para o financiamento dos gastos da edición do vídeo promocional e do aloxamento na plataforma dixital durante un ano, por un total de 907,50 €, contouse cos fondos da liña 2 do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra.

Esta acción forma parte do programa de desenvolvemento local #ViveNasNeves, iniciado polo Concello das Neves no ano 2020.

Ler Máis
24 Xul
0

As Neves celebra o ‘Día da Patria Galega’

Bando do Alcalde

Veciñas e veciños,
O 25 de xullo, Día da Patria Galega, é un motivo de especial celebración que vai máis alá do simbólico e adquire as tonalidades propias dun acto reivindicativo, dunha efeméride social que compartimos con todas e todos vós; convidando a todo o pobo nevés a amosar o orgullo de pertencer a un País que busca con decisión o seu futuro.

O noso territorio é unha fermosa obra colectiva que precisa do esforzo de todas e todos nós. Precisa de sumar para avanzar, para conseguir algo simple e revolucionario: poder vivir aquí, ter futuro e facer as nosas vidas nunha terra sen límites.

Viva o 25 de Xullo!

Xosé Manuel Rodríguez Méndez

Alcalde das Neves

Ler Máis
19 Xul
0

Aberto o prazo para as actividades de agosto do ‘Deporte nas Neves’

Logo de iniciarse en xullo, continúa no mes de agosto nas Neves o programa de actividades deportivas en colaboración con diversos clubs deportivos. En concreto, serán cursos e actividades deportivas de bádminton, natación, BTT, baloncesto e tenis.

Esta programación está dirixida a adolescentes de entre 12 e 18 anos, sendo preciso un mínimo de 10 participantes en cada unha das actividades.

O número máximo de persoas usuarias será o determinado no momento de remate da inscrición tendo en conta, entre outras, as condicións
relacionadas coa COVID-19.

Na inscrición terán prioridade as persoas empadroadas no Concello
das Neves, circunstancia que se indicará na solicitude.

As actividades que se desenvolverán en agosto e os prezos de cada unha delas son:
1. Curso de Badminton
• Impartido polo Club Bádminton As Neves. O obxectivo é desenvolver adestramentos personalizados por niveis de iniciación ao bádminton, xogos e un torneo entre as participantes.
• Realizarase os luns e mércores en horario de 10:00 a 12:00 h no pavillón municipal. Prezo 30€ mensuais.

2. Actividade de Natación
• Impartida por Monitores, realizarase os venres en horario de 12:00 a 13:30 h na área deportiva da Caíña. Prezo 20€ mensuais.

3. Curso de BTT
• Impartido pola Asociación Cultural e Deportiva Sanomedio. O obxectivo é o desenvolvemento da actividade de bicicleta de montaña por rutas e camiños municipais para o mellor goce da actividade deportiva.
• A actividade realizarase os sábados en horario de 10:00 a 12:00 h na área deportiva da Caíña. Prezo 20€ mensuais.

4. Curso de Baloncesto 
• Impartido polo Club Baloncesto Condado. O obxectivo é o desenvolvemento da actividade de baloncesto para mellorar as capacidades e destrezas e para o mellor goce desta actividade deportiva.
• Realizarase os martes e xoves en horario de 10:00 a 12:00 h no pavillón municipal. Prezo 30€ mensuais.

5. Curso de Tenis
• Impartido por un profesional da materia. O obxectivo é o desenvolvemento da actividade de tenis con exercicios nos que se busca a aprendizaxe de forma divertida mostrando a técnica en busca da coordinación e a destreza.
• Realizarase os venres durante unha hora entre as 10:00 e as 13:00 h se fosen precisos varios grupos, na área deportiva da Caíña. Prezo 30€ mensuais.

Inscrición

Para a inscrición deberán presentar nas Oficinas Xerais ou a través da Sede Electrónica do Concello a solicitude de inscrición (dispoñible na web do Concello), cuberta xunto coa seguinte documentación:
• DNI do pai/nai/titor/a
• DNI da/o menor ou libro de familia
• Cartilla da Seguridade Social
• Xustificante de pago da inscrición na/s actividade/s seleccionada/s na conta do Concello: ES45 2080 5434 0731 1010 0021

O prazo de presentación de solicitudes para os cursos que se realicen no mes de agosto finaliza o luns 26 de xullo.

???? Podes descargar aquí as bases da programación e o Anexo I necesario para realizar a inscrición.

Máis información sobre as actividades deportivas de verán e/ou sobre a documentación a aportar, contactar no teléfono 986 64 80 38 ou no correo electrónico concello@asneves.gal

Ler Máis
16 Xul
0

O Concello mellora camiños e estradas, a Axuda no Fogar, a aportación a Escola Infantil ou a Administración Electrónica

A segunda das modificacións orzamentarias proposta polo Goberno local e aprobadas no Pleno por un total de 113.893,55 €, permitirá:

 Sufragar o incremento dos gastos no Servizo Axuda no Fogar destinado a persoas dependentes.
 Incrementar a cantidade prevista que aporta o Concello ao convenio da Escola Infantil “Galiña Azul”.
 Manter o convenio da Administración Electrónica coa Deputación de Pontevedra.
 Sufragar o gasto de acondicionamento dos camiños públicos municipais da Cernada (San Xosé) e Gurbelas (Taboexa).
 Redacción e tramitación do proxecto de urbanización do espazo circundante ao cuartel, logo de ter conseguido a modificación da súa cualificación no PXOM.
 Redacción de outros proxectos entre os que se atopa o de reforma da praza do centro de Liñares, que se presentará ao programa ÁGORA da Deputación de Pontevedra.
 Realizar pequenos traballos de reparación, mantemento e conservación de edificios públicos.
 Satisfacer a aportación municipal da obra de mellora e renovación do alumeado nos tramos das estradas EP-4006 na Cancela (Tortoreos) e na PO-415., que se financiará con cargo ás axudas en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental.

Todos estes proxectos e traballos xa están en marcha e permitirán avanzar na mellora da calidade de vida para as veciñas e veciños das Neves.

Ler Máis
15 Xul
0

Humanización da travesía da Eira da Liñaza

O Concello realizará as obras de humanización da Travesía da Eira da Liñaza, unha inicitiva que contará cunha achega municipal de 65.000€. Para afrontar esta inversión, o Goberno local aprobou unha modificación de crédito con cargo ao remanente líquido de Tesourería.

Esta cantidade abrangue tamén os custes de redacción do proxecto, que se cofinanciará co Programa REACPON da Deputación de Pontevedra.

Nave almacén

Así mesmo, tamén destinaranse 60.000€ do remanente de Tesourería á adquisición de terreos para construción dunha nave para almacén, que se situará na circunvalación.

A mesma servirá principalmente como garaxe para os vehículos municipais, pero tamén se prevé o seu uso para gardar material de obra e sinalización e material para eventos, ademais de contar con zona para lavado de vehículos, lugar de de carga de auga para o camión de Bombeiros, unha área de taller para pequenas reparacións e mantementos en vehículos ou para soldadura, espazos para pequenas ferramentas, vestiarios, baños e un aparcadoiro exterior.

 

Ler Máis