Blog

11 Dec
0

O Concello lamenta a morte dun dos nosos veciños nun incendio e pon unha vivenda a disposición da súa familia

Dende o Concello das Neves lamentamos profundamente a morte dun dos nosos veciños, este sábado pola mañá nun incendio na súa casa da rúa Entercíns. 

No incendio resultaron feridos a súa muller e os seus dos fillos de 7 e 11 anos de idade, que ainda continúan internados no Hospital Álvaro Cunqueiro.

O alcalde transmitiu persoalmente aos seus familiares o abeiro e o agarimo da Corporación e de todas e todos os nevenses nunha situación tan dificil e dolorosa. Tamén, aos compañeiros do garda civil que axudou no seu rescate e que tivo que recibir atención médica.

O Concello vén de poñer a disposición desta familia unha vivenda municipal, que está aberta para eles dende hoxe, e que o alcalde visitou este mediodía. Así mesmo, o Goberno local agradece todo o apoio e todas as iniciativas solidarias en marcha, pero insiste en que os Servicios Sociais Municipais cordinan a axuda e a atención das necesidades de Fátima e dos seus fillos.

Este sábado, en sinal de respecto, as luces de Nadal estarán apagadas dende ás sete e cuarto da tarde, coincidindo coa hora da mañá á que empezara o incendio.

 

Ler Máis
09 Dec
0

Ábrese o prazo de inscrición para o programa ‘Exercicios saudables para maiores’

Ábrese o prazo de inscrición para os veciños/as maiores de 65 anos que queiran participar nos ‘Exercicios Saudables para Maiores’, no primeiro semestre do vindeiro ano 2022 nalgunha das seguintes parroquias:
• As Neves
• San Pedro de Batalláns
• San Cibrán de Ribarteme
• Setados.

Lugar de inscrición:
• Servizos Sociais do Concello
Sede electrónica.

Datas:
• Do 13 ao 23 de decembro (ambos incluídos).

Documentación a presentar:
• Instancia cuberta e asinada , descargar aquí: Solicitude exercicios saudables para maiores (1)
• Xustificante de transferencia bancaria.

Importante:
• A actividade levarase a cabo a partir dun mínimo de participantes.
• Por razóns da actual situación sanitaria o aforo está restrinxido, segundo o espazo do lugar onde se desenvolva a actividade
• As prazas serán adxudicadas por orde de inscrición.

Ler Máis
05 Dec
0

A web do Concello abre unha sección adicada totalmente ao deporte local: ‘Deporte das Neves’

Esta fin de semana, a páxina web do Concello das Neves incorpora unha nova ‘sección’ adicada totalmente ao deporte local. 

O Concello colabora, de xeito estreito, con clubes e asociacións para o desenvolvemento de actividades e eventos deportivos e iso reflectirase, neste novo ‘site’, ‘Deporte das Neves’.

Apóstase pola continuidade de modalidades existentes e, tamén, búscase o pulo de novas e alternativas modalidades deportivas.

En ‘Deporte das Neves’ podes atopar a relación de clubes da nosa vila e as  distintas modalidades ha se practican.

Tamén inclúe unha relación completa de todas as instalación deportivas e de lecer que temos no concello.

Atoparás, actualizados, os horarios das competicións dos nosos clubes.

Por último, tamén hai novas sobre toda a actualidade deportiva local.

Ler Máis
02 Dec
0

Comunidades de augas das parroquias están a rematar as obras subvencionadas polo Concello

Por primeira, vez este 2021 o Concello das Neves puxo en marcha subvencións as comunidades de usuarios ou traídas de augas das parroquias. A cantidade total das subvencións ascende a 20.000 euros.

Logo do proceso de concorrencia competitiva catro foron as comunidades de usuarios beneficiarias destas axudas e están a rematar as obras previstas.

As traídas de augas de San Pedro de Batalláns, Taboexa Norte, Vide e Santiago de Ribarteme, están a realizar obras que abranguen, sobre todo, a renovación de tramos das redes principais de distribución de auga.

A inversión total nestas obras nas que o Concello aporta un máximo dun 70% é de arredor de 30.000 euros, o que supón un exemplo de colaboración público privada para levar a cabo melloras que afectan a servizos de primeira necesidade.

Ler Máis
01 Dec
0

Novo aparcadoiro na rúa Cruceiro

O Concello das Neves avanza no desenrolo dun novo aparcadoiro na rúa Cruceiro. Trátase dunha iniciativa que permitirá resolver a falta de estacionamentos  na contorna da rúa Entrecíns.  As obras desenrólanse nunha parcela que é a porcentaxe da parte pública da unidade de execución nº3 do Plan Xeral de Ordenación Municipal  (PXOM) das Neves.

40 vehículos 

O novo aparcadoiro contará cunha superficie duns 1.400 m2, con saída a rúa Cruceiro e limitará, tamén, coa Circunvalación. O mesmo terá capacidade para preto de 40 vehículos

Inclúe a mellora do camiño do Mouro, en Taboexa

O proxecto ten custe total de 40.000,65 € e inclúe a mellora do camiño do Mouro, de 700 metros de lonxitude, na parroquia de Taboexa, completando os traballos na contorna dos petroglifos da Coutada.

O alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, o primeiro tenente de alcalde, Marcelino Couto, e o segundo tenente de alcalde, Óscar González, supervisaron o inicio das operacións que abranguen a limpeza, preparación do terreo e aportación e compactado de zahorra artificial de 20 centímetros.  

 

 

 

Ler Máis
30 Nov
0

O Concello das Neves acada un 60% de aforro enerxético

A veciñanza do concello das Neves goza dunha nova iluminación exterior nalgunhas das súas rúas e prazas tras a actuación que se realizou cunha achega de 89.750 euros que o Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE) confirmou á Deputación de Pontevedra.

O cambio de luminarias supón para As Neves un aforro enerxético do 60% en lugares como a rúa Laredo, á que acudiron esta mañá o deputado de Cooperación, Santos Héctor, o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, xunto ao primeiro tenente de alcalde, Marcelino Couto, o segundo, Óscar González, e a concelleira de Benestar Social, Pilar González Casas.

As axudas están encadradas dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) para o período 2014-2020 , elaborado pola Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Función Pública do Goberno do Estado.

196 luminarias LED

Ademais desta rúa, as actuacións realizáronse noutros puntos do municipio como a EP-4203, as PO-415 e PO-400, as rúas Cruceiro, Álvaro Pino e Marques do Pazo, a  Praza Maior ou a Praza San Agostiño.

En total instaláronse 196 luminarias LED, máis respectuosas co medio ambiente e cunha duración estimada de 100.000 horas. Con elas redúcese a potencia instalada mantendo a calidade de iluminación e mellorando a eficiencia das instalacións sen incrementar o número de puntos de luz.

As Neves, primeiro concello do Condado en ter todo o seu alumeado público con tecnoloxía LED

Antes de rematar este 2021 o alumeado público das Neves estará composto íntegramente por luminarias LED. Así, o noso concello será o primeiro do Condado que completará a renovación integral deixando definitivamente atrás o vello ‘sistema’ de vapor de mercurio.

Esta renovación abrangue preto de 2.500 puntos de luz, ademáis da substitución dos cadros eléctricos e os treitos máis deteriorados de todo o cableado.

Culmina, así, un traballo iniciado hai tres anos que tiña coma obxectivo, apunta o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, “chegar á totalidade do territorio municipal, retirando as vellas lámpadas obsoletas e contaminantes e colocando no seu lugar luminarias leds de alta tecnoloxía”.

 

Ler Máis
29 Nov
0

O acendido do alumeado de Nadal das Neves será o día 10 de decembro

Este ano o Concello das Neves acenderá o alumeado de Nadal o venres 10 de decembro. As  luces están xa instaladas dende hai días.

Coa decisión de retrasar uns días o acendido, o Concello pretende seguir denunciando a escalada do prezo da electricidade, que afecta a todas as veciñas e veciños das Neves e, ao mesmo tempo, mentalizar sobre a necesidade de contribuir ao aforro enerxético e ao  coidado do medio ambiente.

O pasado 8 de outubro, o Goberno local sumouse á iniciativa ‘Desconecta ás eléctricas’, apuntando ao aumento intolerabel do recibo da luz. Aquel día, como medida de protesta, apagouse o alumeado público no centro das Neves entre as 22:00 e as 22:30h., pedindo aos veciños que fixeran o mesmo.

O megawatt hora de electricidade, preto dos 300 euros

O 8 de outubro, o prezo da ‘luz’ estaba en 229,2 euros/MWh, un 422% máis que un ano antes: este mesmo luns, entre as 20:00 e as 21:00h. era de 290 euros/MWh,  segundo os datos do Operador do Mercado Ibérico da Electricidade (OMIE).

 

Ler Máis
29 Nov
0

En marcha a ‘Campaña Banco de Alimentos Nadal’

O pasado martes, día 23 de novembro, comezou unha campaña de recollida de alimentos non perecedoiros en todas as tendas de alimentación das parroquias das Neves.

Os mesmos están destinados ao reparto de Nadal do Banco de Alimentos Municipal, que atende a unhas 40 familias.

En cada tenda hai unha caixa ou carriño destinado a recoller o que cada quen queira aportar.

Ler Máis
28 Nov
0

As Neves en Culturgal

Un ano máis, o Concello das Neves estivo presente no Culturgal, presentándose no espazo ofrecido pola Deputación de Pontevedra. A presentación, na que estivo o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez,
correu a cargo de Rocío Barreiro, Concelleira de Cultura e Adrián González, director de cinema natural das Neves.

 

Na mesma púxose en valor o audiovisual nevés, lembrando a figura de José Gil e chegando ata os nosos días, con Adrián González.

 

Dende o venres pasado e ata este domingo, día 28 de novembro, o Recinto Feiral de Pontevedra acolle unha nova edición desta feira baixo o lema ‘A cultura que toca’. Culturgal reúne a máis dun cento de empresas do sector en 136 expositores y nestos días leva a cabo unha “intensa” programación con 115 actividades.

 

O Culturgal, que este ano recuperou o seu formato presencial, ten coma obxectivo facilitar e promover o contacto entre creadores e público, entre profesionais, entre empresas e institucións.

 

 

Ler Máis
25 Nov
0

O Club Bádminton As Neves, entre os favoritos do Campionato de España sub-15 que se disputa esta fin de semana

 

 

 

 

 

 

As xogadoras e xogadores do Club Bádminton As Neves están entre os favoritos para facerse coas medallas no Campionato de España sub-15, que se disputa dende este venres, día 26, no Complexo Álvaro Pino, de Ponteareas.

“Nós participamos con 5 deportistas na categoría individual e con dúas parellas de dobres e agardamos que consigan unha boa clasificación, porque levar medalla na casa sempre é un orgullo”, salienta Pablo Méndez, presidente do club.

Durante o venres, sábado e domingo, 26, 27 e 28 de novembro, 140 deportistas serán os protagonistas dos partidos que sinalarán os campións deste torneo. 

Dende o venres, ás 11:00h.

A competición comezará o venres 26 coas primeiras rondas do campionato entre as 11.00 e as 20.00 horas, dezaseisavos de final para as e os competidores individuais masculino e feminino e oitavos de final para dobres.

Os partidos continuarán o sábado 27 de 11.00 a 20.00 horas distribuídos en 4 pistas e o domingo celebraranse as finais en horario de mañá. A entrega de premios contará coa participación do presidente da Federación Española de Bádminton, Andoni Azurmendi, e do presidente da Federación Galega.

Por streaming

Debido á situación sanitaria o campionato non estará aberto ao público en xeral, pero poderá seguirse en streaming a través da canle de Youtube da Federación Española de Bádminton.

Ler Máis