Blog

11 Nov
0

O Goberno local encarga a nova realización da Relación de Postos de Traballo (RPT) das Neves

O Concello das Neves vén de encargar á empresa Galivalia Consulstgo a realización da nova Relación de Postos de Traballo que comprenderá os seguintes traballos:

Recollida de datos: Nesta fase inicial búscase recoller a maior cantidade de información posible relativa á situación actual do Concello no referido ós postos de traballo, a organización dos mesmos e ós seus ocupantes. Esta etapa permitirá recoller información significativa e suficiente sobre a estrutura administrativa actual do Concello, o organigrama administrativo e o desempeño laboral ordinario municipal.

Elaboración do primeiro borrador da RPT: Realizarase unha primeira proposta de organigrama administrativo que recollerá tódolos postos de traballo do Concello. A continuación, desenvolverase unha descrición funcional, tanto dos departamentos como das unidades ou seccións que conformen o organigrama do Concello. Así mesmo, nesta fase elaborarase, para cada posto de traballo, unha ficha que o describa, susceptible de modificarse dixitalmente polo Concello.


Elaboración da valoración dos postos de traballo: O proceso ten como obxecto determinar, para cada posto de traballo, a súa importancia relativa (en relación cos demais postos de traballo), coa finalidade de establecer unha estrutura salarial baseada en principios obxectivos vinculados á natureza e características reais dos mesmos.

Elaboración dos estudos do impacto económico: a elaboración dunha RPT constitúe un instrumento moi útil ao contar cunha proxección de cales van ser os futuros custes de persoal.

Determinación do documento completo de Organigrama e RPT inicial: Como resultado final dos traballos procederase á elaboración do documento completo de Organigrama e RPT do Concello que recolla os resultados das distintas actividades. En todo caso, dito documento completo de RPT conterá, como mínimo, o establecido polo artigo 38.4 da LEPG.

A Empresa pon a disposición do Concello os coñecementos e experiencia dos seus asesores especializados que levan realizado relacións de postos de traballo para moitas administracións públicas nos últimos anos. A previsión de custos destes traballos é de 3.000€ máis IVE.

Finalmente, o documento será obxecto de negociación colectiva cos representantes dos traballadores, previa á aprobación definitiva da RPT.

Ler Máis
08 Nov
0

Comezan as obras da 1ª fase do Plan de Mellora de Accesibilidade nas Neves

O Concello de As Neves ten unha profunda conciencia e compromiso, sobre a urxente necesidade de resolver diversas problemáticas existentes ao longo do seu Termo Municipal, en materia de accesibilidade e mobilidade.

No Plan Integral recóllese unha análise dos diferentes puntos da xeografía municipal onde foron identificados verdadeiros problemas de accesibilidade, principalmente en asentamentos de poboación vencellados ao ámbito do medio rural. Dito estudo identifica as problemáticas e analiza as posibles solucións, avaliando economicamente o seu custe, de feito que, ademais, xerarquiza as actuacións en función do número de persoas ou poboación que se verá beneficiada logo da súa resolución.

Esta primeira fase comprende actuacións camiños de Porteliña e Piñeiro en San Cibrán de Ribarteme, da Capela e Outeiro en San Pedro de Batalláns, e no camiño de Leiradiño en Taboexa. Nun dos camiños retirarase o punto de enerxía eléctrica que actualmente está no medio da vía. Noutros dous casos, os traballos incluirán a necesidade de execución de muros de contención. Finalmente todas as actuacións serán rematadas con aglomerado asfáltico coa instalación previa de rede de saneamento nunha delas.

A actuación que agora comeza comprenderá traballos en 1.952 metros cadrados e terán un custe total de 80.230,03€ financiados completamente a través do ‘Plan Concellos 2020’ da Deputación de Pontevedra.

Ler Máis
04 Nov
0

A Unidade Móbil da Inspección Técnica de Agrícolas, nas Neves o venres día 13 de novembro

A Unidade Móbil de Inspección Técnica de Agrícolas desplazarase ao concello das Neves do venres 13 ao luns, 16 de novembro e estará na rúa Esperanza. BANDO ITV AGRICOLAS-1

Os horarios poden consultarse no teléfono 981 90 30 00 e hai dous xeitos de solicitar cita previa: chamando ao 902 30 90 00 ou a través da páxina web: www.sycitv.com-cita previa

Recórdase a tódolos veciños e veciñas, que por mor da Covid-19 é necesario o uso de mascarilla e o mantemento da distancia de seguridade, co obxectivo de minimizar os riscos de contaxio do virus.

Ler Máis
04 Nov
0

A Volta Ciclista a España, este xoves nas Neves

A Volta Ciclista a España pasará polas Neves este xoves, día 5 de novembro. Será na 15ª etapa da competición, que vai de Mos a Puebla de Sanabria.
 
O seu paso polas Neves está previsto entre as 11:30 e as 12:00 h, polo cal nese tempo o tráfico estará cortado.
 
Os ciclistas entraran pola estrada EP-4006, pasando por Tortoreos e diante do instituto; seguirán por un tramo da PO-415, por baixo do Concello e da praza de abastos, e seguirán pola PO-400, rodando por Setados e Vide, para continuar cara Arbo.
 
 
Imaxe: Unipublic/Charly López/

Ler Máis
04 Nov
0

‘Memoria das Neves’, historias do Montesol

A Concellería de Cultura, a través da financiación do ‘Plan Concellos 2020’ da Deputación de Pontevedra, pon en marcha unha nova edición do programa ‘Memoria das Neves’, esta vez adaptado á nova normalidade, a través das redes sociais.
Nesta ocasión, centrarase nas historias do Montesol, hotel, restaurante, cafetería e sala de festas polo que pasaron varias xeracións de veciños que, de seguro, poderán achegar historias, testemuñas e material gráfico a través da Rede.
 
Iranse publicando fotos que forman parte do arquivo de Alejandro Alonso, cedido ao Concello, co obxectivo de recoller as historias que hai detrás delas.
 
Con toda esa información realizarase unha exposición fotográfica por diferentes lugares, que se decidirán en función da evolución da situación sanitaria. 
 
Podes seguilo e participar nas redes sociais de Facebook (Memoria das Neves) e de Instagram (@memoriadasneves).

Ler Máis
03 Nov
0

‘Ganchillo Solidario’ contra a violencia de xénero

No marco das actividades de concienciación contra a Violencia de Xénero, o Concello pon en marcha durante o mes de novembro unha iniciativa de participación veciñal de ‘ganchillo solidario‘.

Trátase dun xeito de unir as mans de forma participativa e pública; facendo visible a necesidade de establecer canles sólidas de apoio e confeccionar un rexeitamento común contra todo acto de violencia machista.

Participación

Para participar hai que recoller o material nas oficinas de Servizos Sociais, de luns a venres en horario de 10:00 a 12:00 h, e devolver as pezas confeccionadas no mesmo lugar e horario ata o 18 de novembro.

Coa finalidade de resolver dúbidas, o venres 6 de novembro a partir das 11:00 h, poderán achegarse a Servizos Sociais todas aquelas persoas interesadas na actividade, ademais de poder recoller xa o material.

As mostras realizadas polas persoas participantes uniranse e a creación resultante estará exposta nas instalacións municipais nas vindeiras semanas.

Ler Máis
02 Nov
0

Entrega de máscaras para todas as alumnas e alumnos das Neves

A Concellería de Ensino e Benestar Social e o Voluntariado das Neves veñen de entregar un total de 646 máscaras hixiénicas reutilizables para o alumnado de todos os centros de ensino: CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, EEI de Rubiós e Taboexa, IES Pazo da Mercé e EFA A Cancela.

Trátase de máscaras homologadas baixo a norma UNE-0065:2020: Sen aberturas laterais, sen costuras verticais, con filtro de polipropileno apto para 50 lavados, e con tecido exterior e interior de algodón e tratamento anti-bacteriano. Tamén se poden esterilizar no autoclave a 120°C.

Ademais, foron entregadas tamén un total de 80 bolsas de tea a usuarios e usuarias do Centro de Día e ao profesorado dos centros de ensino.

 

O custo total do material entregado, que ascende a 4.748,11 €, foi sufragado polo Voluntariado, empregando os fondos reservados para Axudas de Emerxencia Covid-19 da conta bancaria “As Neves Zona 0”.

Ler Máis
30 Out
0

Galicia celebra o centenario da revista ‘NÓS’

NÓS foi unha revista publicada en galego entre 1920 e 1936, promovida e dirixida por Vicente Risco, con Castelao como responsable artístico.

O primeiro número publicouse en Ourense o 30 de outubro de 1920.
Pretendía normalizar o uso do galego e elevalo dos usos orais á alta cultura.

Incluía contidos sobre literatura, lingua, artes, etnografía, filosofía e de pensamento político.

Ler Máis
30 Out
0

Información de interese para a fin de semana do 30 de outubro ao domingo 1 de novembro

Normas de seguridade no acceso a cemiterios
Recomendacións da Consellería de Sanidade e do Concello das Neves como medida de contención fronte ao avance da Covid-19:

*Hixiene de mans

*Uso obligatorio de máscara

*Mantemento da distancia de seguridade

*Limitación dos grupos a 5 persoas

*Evitar formación de aglomeracións

Norma completa da Consellería: https://bit.ly/3oE4MDJ

Restrición do acceso a Portugal de non residentes

Por Resolução do Conselho de Ministros n.º 89-A/2020 do 26/10/2020: https://bit.ly/35F2N9I  Non se permite a circulación entre municipios portugueses de persoas residentes en Portugal nin estranxeiras entre o 30 de outubro ás 00:00 h e o 3 de novembro ás 6:00 h (hora portuguesa),
se non se acreditan motivos xustificados (traballo, consulta médica, asistencia a un xuízo, coller  un avión nun aeroporto ou asistencia a un acto cultural nun municipio limítrofe con reserva previa acreditable).

Ler Máis
29 Out
0

O Concello impulsa un proxecto educativo de ‘Fomento da igualdade de oportunidades’ e ‘Prevención da Violencia de Xénero’

 

A Concelleira de Ensino, Pilar González Casas, visitou os centros educativos das Neves, xunto coa coordinadora da empresa ‘Talentea’, coa finalidade de presentar ás direccións correspondentes as actividades a desenvolver dentro do proxecto de intervención socio-educativa para o fomento da igualdade entre o alumnado.

Este proxecto se financiará cunha subvención da Deputación de Pontevedra destinada ao fomento de igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero.

‘Na casa tod@s iguais’

Estas actividades desenvolveranse no mes de novembro e están dirixidas ao alumnado do 2º ciclo de Educación Infantil do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé e das escolas unitarias de Rubiós e Taboexa. Serán sesións de contacontos e obradoiros ou xincanas nos que se traballará arredor do tema “Na casa tod@s iguais”.

Con esta acción, complétase todo o alumnado do colexio, xa que no mes de marzo os alumnos e alumnas de Educación Primaria participaron nunha iniciativa na que traballaron sobre a corresponsabilidade de xénero; actividade que fora financiada con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

‘Novas masculinidades’

O alumnado de Secundaria do IES Pazo da Mercé traballará co concepto de “novas masculinidades”, contando co apoio dun grupo de representantes do Comando de Igualdade e Diversidade que xa existe no centro e da profesora de Educación Plástica, Visual e Audiovisual.

‘Falemos de sexo’

Por último, os alumnos e alumnas de Bacharelato, FP Básica e Ciclos Medios, faranse varias charlas participativas arredor do tema “Falemos de sexo”. A concelleira subliña que “trátase dun programa completo co que se aposta pola educación na igualdade, en todas as idades”.

Ler Máis