Blog

05 Out
0

Apertura da Biblioteca como sala de estudo

Dende este 6 de outubro, a Biblioteca Municipal abrirá os martes, mércores e xoves, de 16:00 h a 20:00 h.como sala de estudo

Seguindo co ‘Protocolo COVID’, non se realizará préstamo de libros.

Ler Máis
02 Out
0

Selección de persoal en prácticas a través do programa “O teu primeiro emprego”

O Concello das Neves leva a cabo o proceso de selección para dous postos concedidos dentro do programa da Deputación de Pontevedra “O teu primeiro emprego”.

Trátase da selección de postos coas seguintes titulacións:

Diplomatura/Grao en Traballo social.
Enxeñería Técnica Agrícola/Grao en enxeñería agrícola e agroalimentaria/Grao en en enxeñería agraria/Enxeñería agrónoma.

A seguir dispóñense as bases e documentos anexos:

CONVOCATORIA E BASES DE SELECCIÓN

ANEXOS SOLICITUDE

LISTA PROVISIONAL PARA O PROCESO SELECTIVO DO POSTO DE DIPLOMATURA_GRAO EN TRABALLO SOCIAL

LISTA PROVISIONAL PARA O PROCESO SELECTIVO DO POSTO DE ENXEÑERÍA TÉCNICA AGRÍCOLA_GRAO EN ENXEÑERÍA AGRÍCOLA E AGROALIMENTARIA_GRAO EN ENXEÑERÍA AGRARIA_ENXEÑERÍA AGRÓNOMA

LISTA DEFINITIVA PARA O PROCESO SELECTIVO DO POSTO DE DIPLOMATURA_GRAO EN TRABALLO SOCIAL

LISTA DEFINITIVA PARA O PROCESO SELECTIVO DO POSTO DE ENXEÑERÍA TÉCNICA AGRÍCOLA_GRAO EN ENXEÑERÍA AGRÍCOLA E AGROALIMENTARIA_GRAO EN ENXEÑERÍA AGRARIA_ENXEÑERÍA AGRÓNOMA

Ler Máis
22 Set
0

O domingo, día 27, arranca no Auditorio a programación de ‘Cultura no Outono’

Teatro, cine e documentais centran a programación de ‘Cultura no Outono’, impulsada pola Concellería de Cultura do Concello das Neves.

A mesma empeza o vindeiro domingo ás 18:30 h. coa obra ‘Invisibles’, a cargo da compañía ‘Redrum Teatro’.

Invisibles é unha adaptación do libro homónimo da periodista Montse Fajardo que relata casos reais de violencia de xénero sufridos por sete mulleres galegas.  Está protagonizada por Mela Casal, Sheyla Fariña e Neves Rodríguez baixo a dirección de Marián Bañobre. 

11 de outubro

A programación segue o domingo 11 de outubro, ás 18:00 h. no mesmo escenario do Auditorio Municipal, con ‘Rosalía’, de Culturactiva. Trátase de algo máis que un achegamento teatral á vida e obra de Rosalía de Castro: é un espectáculo necesario. 

Nesta montaxe as nenas e nenos descubrirán en Rosalía a unha cativa alegre, forte e curiosa, coma elas e eles, que vive, xoga e goza o país da nenez.

15 de novembro

As butacas do Auditorio pasan a ser as dun cine, ás 19:00h. proxéctase ‘O que Arde’, a película do director lucense Oliver Laxe, gañadora do Premio do Xurado no festival frances de Cannes; de dous Premios Gaudí, ao Mellor filme europeo e Mellor Fotografía, e de dous Premio Goya, á Mellor Fotografía e Mellor Astriz Revelación (para Benedicta Sánchez).

Ninguén agarda a Amador cando sae da cadea logo de cumprir condena por ter provovado un incendio. Volta a casa, nunha aldea das montañas de Lugo na que volverá a vivir, con Benedicta, a súa nai.  

29 de novembro

Segue o cine, ás 19:00h. con ‘As tres caídas de María Santiso’, de Roberto Alvite, con Lucía Veiga, Nanda Tasende, Tatiana Mouro, Marita Martínez, Roberto Alvite, Carla Capeáns e Tito Refoxo.

Como na casa en ningures. María Santiso leva moitos anos vivindo soa. É unha muller de conviccións fortes…pero vai ter unha visita e as convicción poden caer polo seu peso.  

13 de decembro

No mesmo lugar, o Auditorio Municipal, proxéctase, ás 19:00 h. ‘Noite irisada’, da directora Bea Vázquez Campaña. Trátase dun soberbio documental sobre a loita dos colectivos galegos de gais e lesbianas durante as últimas décadas.

Noite Irisada (avance)

En nada estreamos documental, hoxe estreamos avance. Que vos guste, que vos preste…

Gepostet von Noite Irisada am Dienstag, 21. Mai 2019

En todas e cada unha das actividades programadas seguirase o Protocolo COVID.

As reservas poden facerse en bit.ly/culturaoutono e tamén mediante o teléfono móbil no Código QR que figura na imaxe principal que acompaña esta nova.

 

 

 

Ler Máis
17 Set
0

O Concello cumpre o seu compromiso de asumir as limpezas adicionais e desinfeccións dos centros de ensino


O Goberno Local, vai custear os gastos derivados das limpezas e desinfeccións necesarias para cumprir coas necesidades de seguridade actuais. O embolso, por un total de 3.970 € mensuais de gasto adicional ao que xa se vén facendo, inclúe actuacións no colexio, nas escolas unitarias, no Pavillón Municipal, e no Centro de Día.

Faranse 25 horas semanais adicionais de limpeza de reforzo con produtos desinfectantes, no CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, e nas Escolas de Educación Infantil de Taboexa e Rubiós. Ademais, quincenalmente levarase a cabo un tratamento desinfección e posterior limpeza á nebulización nestes centros de ensino e no Pavillón Municipal.

Igualmente, tamén se actuará no Centro de Día, onde se realizará un tratamento desinfección e posterior limpeza á nebulización cada quince días.

Pilar González Casas, Concelleira de Ensino e Servizos Sociais, lembra o firme compromiso do goberno en materias clave como Ensino e Sanidade, e que, “a pesar de ser competencias da Xunta de Galicia, non se recibiu ata o momento ningún tipo de apoio económico ou de persoal para poñer en marcha os traballos de limpeza e desinfección necesarios actualmente”.

Ler Máis
16 Set
0

Actuación da Orquestra Clásica de Vigo, o sábado día 19 de setembro, nas Neves

Os integrantes da sección de percusión da Orquestra Clásica de Vigo, actuarán o vindeiro sábado, día 19 de setembro, nas Neves, dentro do programa ‘Música no Ar’, da Deputación de Pontevedra.

A actuación está prevista ás 20:00h. na Carballeira da Área Recreativa de Santa Mariña, aínda que, á vista da previsión meteorolóxica para ese día, se chove, o concerto será no salón de actos da Casa da Música.

Ler Máis
14 Set
0

O Concello rehabilitará a casa de mestres, na Escola de Vide para o ‘Programa de Vivendas Baleiras’

O Concello  levará a cabo a adecuación da antiga vivenda de mestres anexa á Escola de Vide. O obxectivo deste proxecto é a rehabilitación para a súa inscrición no programa de vivendas baleiras implantado no Concello As Neves dende febreiro de 2019.

O proxecto, redactado polo arquitecto municipal en febreiro deste ano, recolle unha serie de traballos de acondicionamento que non alterarán as prestacións da edificación nin da vivenda. Realizarase un cambio da distribución, renovación dos acabados, renovación das carpinterías, tanto exteriores (aquelas que se atopan en mal estado) como interiores, renovación das instalacións interiores da vivenda, e incluso acometidas ás redes de subministro e renovación da cuberta.



Mantense o mesmo cerramento existente, que conta con carpintería de aluminio e algúns elementos de madeira que serán substituídos por aluminio de similares características ao existentes. Realizaranse melloras no illamento das paredes e procederase á limpeza da cuberta e á substitución daquelas tellas rotas ou en mal estado. Finalmente, as instalacións dotaranse para cumprir as condicións de habitabilidade.



As obras executaranse nun prazo estimado de seis meses dende o seu inicio, e licitaranse por un orzamento de 53.908,30 €, que se co-financiará con fondos da subvención para rehabilitar as antigas vivendas de mestres, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Ler Máis
14 Set
0

Comeza o ‘Programa de Formación para o Comercio Local’ impulsado polo Concello

Consciente das tendencias de consumo actuais, cada vez máis dixitais, e da aceleración desta tendencia coa chegada da COVID-19, dende o Goberno Local desenvolveuse un programa formativo para o comercio local, co obxectivo de promover a súa transformación estratéxica e dixital, con formación, asesoramento e apoio no novo escenario POST-COVID.

O pasado venres 11, tivo lugar unha presentación previa na que as persoas participantes puideron ter un primeiro contacto co equipo que as formará, así como resolver dúbidas e coñecer de xeito pormenorizado o programa de formación que comeza hoxe luns 14, e que se desenvolverá de aquí a final de ano.

Dúas fases

O programa de formación en liña consta de dúas fases. Na Fase I, haberá seis sesións de 60-120 min nas que se falará sobre as tendencias de consumo actuais, e se traballará arredor do uso de Google My Business, WhatsApp Business, e Facebook e Instagram profesional, ademais do uso da venda online e de ferramentas para triunfar nas redes.

Na fase II, as e os participantes que o desexen, contarán co apoio dunha persoa experta para reorientar o seu negocio, potenciar as súas fortalezas e buscar solucións para as súas debilidades.

12 establecementos

Participan un total de 12 establecementos comerciais que poderán asistir ás sesións en directo e que tamén poderán acceder a elas noutro horario compatible coa súa actividade económica.

Debido ás diferenzas de horarios comerciais, ademais de ter as conferencias dispoñibles uns días despois da súa realización en directo, as persoas participantes terán contacto permanente co equipo de monitores para resolver dúbidas e ampliar coñecementos sobre calquera un dos temas tratados.

Ler Máis
10 Set
0

As Neves protagonista esta fin de semana de ‘Vive o Rio Minho’

Nun acto á beira do río o deputado provincial de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, acompañado das alcaldesas de Tomiño, Sandra González; do Rosal, Ánxela Fernández; e de Salvaterra Marta Valcárcel; e os alcaldes de As Neves Xosé Manuel Rodríguez; de Tui, Enrique Cabaleiro; e de A Guarda Antonio Lomba, presentou este xoves  as actividades ecoturísticas ‘Vive o Rio Minho’ que a Deputación de Pontevedra está a realizar para potenciar o territorio transfronteirizo do río Miño baixo o lema ‘Dous países, un destino’.

As actividades -desenvolvidas dentro do proxecto Visit Rio Minho, co-financiado con fondos FEDER, a través do programa ‘Interreg V-A POCTEP 2014-2020’-son gratuítas, están dirixidas a tódolos públicos e desenvolveranse entre esta fin de semana e a primeira de outubro nos concellos galegos e portugueses que lindan coa vía fluvial.

Haberá sendeirismo, rutas en bici, rutas urbanas e percorridos históricos, visitas a adegas, museos, petróglifos, balsismo, caiac, gastronomía, e observación ornitolóxica e astronómica, entre outras actividades.

O deputado Benítez destacou que estas propostas pretenden achegar visitantes ao río Miño entendéndoo como un único territorio, “co obxectivo de construír un destino turístico no que se se ofertan dous países”. Segundo dixo, o programa de actividades ten unha oferta diversa que amosa todos os atractivos e riqueza paisaxística, natural, cultural e gastronómica, “para dar a coñecer ao mundo un lugar estratexicamente situado”.


As Neves

Segundo explicou o xerente da empresa Xeitura -que desenvolverá a iniciativa-, Raúl Fernández, as propostas para coñecer o Miño divídense en diferentes xornadas de días completos nas fins de semana consecutivas de entre o 12 de setembro e o 4 de outubro.

Para esta primeira fin de semana haberá dúas actividades: Unha ruta de sendeirismo nas marxes do Miño e do río Deva ata o alto da Moura e unha visita a Melgaço e, por outra parte, un descenso no río Miño (Arbo) xunto a unha visita guiada a unha adega en As Neves e a visita aos petróglifos da Coutada.

As inscricións completáronse en apenas un día e a lista de agarda chegou ás cen persoas.

19 e 20 de setembro

Na fin de semana do 19 e 20 de setembro terán lugar a terceira e a cuarta ruta. A terceira consiste nun percorrido circular pola contorna de Salvaterra, así como a visita á viña e ao Museo do Viño. Ao día seguinte a proposta é unha ruta polo municipio de Monçao coñecida como ‘A Cova da Moura’, unha vista ao palacio da Brejoeira e unha visita a Monçao.

26 e 27 de setembro

A seguinte xornada, do 26 de setembro, inclúe un percorrido en bici pola ecovía do Miño entre Valença e Vila Nova de Cerveira, e unha visita guiada por Valença e Tui. O domingo 27 de setembro realizarase unha ruta de sendeirismo entre a desembocadura do Tamuxe e o porto de Goián, a visita á fortaleza, e un tramo en caiac polo río.

3 e 4 de outubro

Finalmente, para o 3 e 4 de outubro plantéxase unha fin de semana completa na que se combinarán as rutas de sendeirismo, a observación ornitolóxica, visitas guiadas, e unha visita dramatizada no castro de Santa Tegra. (Máis información ver adxunto)

As inscricións para os eventos realizaranse entre o luns anterior ás 9 horas e ata o xoves ás 23 horas no caso de non cubrir as prazas con anterioridade (entre 45 e 50 por evento) na páxina web da Deputación www.depo.gal.

Ler Máis
10 Set
0

Nais e pais de alumnos de 5º de Primaria do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé non levarán aos seus fillos a clase ante a ‘masificación’ da súa aula

As nais e pais da ANPA Eira da Liñaza das Neves, non levarán aos seus fillos de 5º de Primaria o vindeiro venres, día 11. A medida, comunicada á concelleira de Ensino das Neves, Pilar González Casas, ten coma obxectivo protestar pola actitude da Consellería de Educación da Xunta de Galicia en relación co número de alumnos que terán que estar na aula de 5º curso do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé.

Escrito na Inspección de Educación

Como sinalou a ANPA nun escrito presentado na Inspección Provincial de Educación, os nais e pais están en total desacordo con feito de que compartan aula 25 rapaces e rapazas, “tendo en conta que a OMS ten avisado,  reiteradamente, do perigo de contaxio do COVID-19 en espazos cerrados sen distanciamento”.

Alertan do feito de que neste curso hai varias patoloxías de asma e unha alumna que ten unha irmá que recibiu un transplante de pulmón e que pode ser un posible foco de contaxio para unha persoa de alto risco.

A estes situación súmanse o feito de que as rapazas e rapaces poidan ser
transmisores do virus as súas familias, “nas que hai moitas persoas de risco”.

Desdobramento do curso en dúas clases

Á vista destas circunstancias, solicitan que, con carácter urxente, se desdobre o 5º curso en dúas clases. O centro dispón de aulas suficientes para poder facelo: o único que se precisa é a decisión dos responsábeis da Consellería de Educación e a contratación dun novo profesor.

Os representantes da ANPA insisten en que é perigoso que esta aula quede sen desdobrar, considerando as consecuencias graves, tanto para as alumnas e alumnos coma para as profesoras e profesores que dan clase nesta aula.

“Unha vez máis, apelamos ao sentido de responsabilidade da Inspección de Educación para que esta situación se solucione canto antes”.

Ler Máis
09 Set
0

60 veciñas e veciños das Neves participan dende esta semana nas ‘Clases de Ximnasia Saudable para Maiores’

O Concello de As Neves ofrece á súa poboación a posibilidade de participar nas clases de ximnasia saudable para maiores. Este ano ademáis de no centro da vila, as clases tamén impartiranse nas parroquias de San Cibrán de Ribarteme, San Pedro de Batalláns e Setados.

Unha vez rematado o prazo de inscrición, anotáronse 60 persoas, que participarán nesta actividade en grupos,respectando o espazo de  separación, garantindo o cumprimento do ‘Protocolo COVID’.

Os grupos estarán formados por 10 veciñas e veciños en San Cibrán; 15 en San Pedro de Batalláns; 16 en Setados e 19 participantes nas Neves.

Os horarios repártense desta forma: Martes 19:15 a 20:15h: As Neves; Xoves 18h a 19h: San Cibrán; Venres 18h a 19h: San Pedro, e de 19:30 a 20:30h: Setados.

A actividade física

A concelleira de Servizos Socialis, Pilar González Casas, lembra os beneficios do exercicio e da actividade física, “ben coñecidos por todos, porén toman unha importancia máis grande cando falamos da poboación maior de 65 anos”.

Segundo a OMS (Organización Mundial da Saúde), a actividade física en maiores axuda a: mellorar o funcionamento dos sistemas cardio-respiratorio e muscular, prevé a aparición de enfermidades cardiovasculares, diabetes de tipo 2; mellora a saúde ósea e funcional, impedindo as caídas; axuda á conservación das funcións cognitivas e reduce o risco de depresión.


Funcionamento das clases

As clases terán en conta as individualidades de cada participante, axustando cada exercicio e ritmo segundo as particularidades de cada un/ unha. As sesións dividiranse en varios bloques de exercicios onde se traballarán de maneira global todas as capacidades físicas (forza, velocidade, resistencia e flexibilidade), ademais da habilidade e da axilidade, cun descanso entre cada bloque para poder beber e sentarse.


Durante as clases usarase diferente material como balón, pesas (botellas de area) ou picas (pau da escoba), que será individual e intransferible por razóns de hixiene.

Protocolo COVID-19

Comparado a outros anos , a dinámica das sesións vese modificada polos protocolos a seguir: o uso de máscara será obrigatorio en todas as clases, así como a limpeza de mans, e o distanciamento social de 1,5 metros.

Ler Máis