Blog

21 Mar
0

O Concello inicia o asfaltado, recuperación e mellora de pistas e camiños nos barrios e parroquias das Neves

Rematado o inverno e coa chegada do bo tempo, o Concello das Neves vén de iniciar o asfaltado nos viais municipais, que estarán rematados nos vindeiros meses.

Neste intre están en marcha Calvario, na parroquia de Rubiós, e Casal, en Taboexa. Ademáis xa está adxudicado o acceso a Setados, no barrio de Lamela e de Gende en Rubiós.

Coma adiantou o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, están en proceso de contratación as obras máis importantes, “tendo en conta o tráfico das estradas, o servizo que prestan e o mal estado no que se atopan”, dende Guimeráns, en San Pedro, ate Santa Eulalia de Batalláns e a pista dende a Igrexa de San Pedro ate o Pousadouro en San Xosé de Ribarteme.

O alcalde subliña que está finalizando a fase de adxudicación o plan de retirada de raíces “en máis dunha dúcia de puntos”, en moitas das parroquias e o Goberno local tramitou xa a subvención do ‘Plan Camiños’ da Xunta de Galicia, para renovar o asfaltado nos barrios da Chan e Filgueira.

Ler Máis
18 Mar
0

O Goberno local amosa o seu malestar polo uso de herbicidas por parte da Xunta dentro do concello das Neves

O Goberno local das Neves vén de amosar o seu malestar polo uso, por parte da Xunta de Galicia, de herbicidas para tratar as beiravías das estradas autonómicas que pasan polo concello.
Este malestar tamén foi trasladado polos veciños das parroquias nas que unha empresa contratada pola Administración galega está a empregar glifosato en lugar de rozar para acabar coa maleza.
O uso deste herbicida causa preocupación entre os veciños que teñen as súas casas e fincas nas zonas nas que se está a sulfatar, aínda que dende a Xunta se asegura que non causa dano algún nin nos cultivos ni nos animais.
Óscar González,  segundo tenente de alcalde das Neves, indica que esta empresa fixo chegar unha carta ao Concello na que “nos informa de que ao longo do ano vai empregar  ata tres veces este procedemento”, aínda que non indica en que datas concretas o vai facer.
Este mesmo venres, día 15, os empregados desta empresa estiveron traballando nas estradas PO-400 e PO-415, nos treitos da Plisan a Vide e dende a rotonda da Plisan, pasando polas Neves ata o Stop, e na estrada PO-402 que vai dende Salvaterra a Vilasobroso e que pasa por Taboexa e San Pedro de Batalláns.
González lembra que o Pleno do Concello aprobou unha proposta na que se rexeitaba o uso de herbicidas no término municipal de As Neves, unha decisión que foi comunicada á Xunta en varias ocasións recibindo como resposta que ao ‘sulfatarse’ nas estradas autonómicas a competencia é a decisión é exclusiva da Administración galega.

Ler Máis
14 Mar
0

Traballos do Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS)

Como mellorarías as rúas e espazos públicos de As Neves?

O Concello das Neves e a Área de Mobilidade da Deputación de Pontevedra están a realizar a recollida de datos para a confección dun Plan de Mobilidade Sustentable no concello, incorporando os distintos puntos de vista e sensibilidades presentes na veciñanza.

O Plan é financiado pola Deputación de Pontevedra con 9000 euros.

O obxectivo de este plan é atopar, entre todos e todas, xeitos de mellorar a mobilidade no Concello: facela máis sustentable (tanto ambiental como economicamente), adaptala ás necesidades da veciñanza para aproveitar mellor os recursos, facilitar hábitos máis respectuosos co medio ambiente; e tamén facela accesible a todas e todos de xeito seguro, reducindo as barreiras arquitectónicas e mellorando a relación entre o peón e o coche, así como o acceso aos transportes públicos.

Para conseguir isto estudaremos durante os próximos meses os desprazamentos a pé, en bicicleta, en vehículo privado e en transporte público.

Completando a información recollida por estudos anteriores, precisamos entender a realidade das distintas parroquias do concello. Por iso, creemos que o voso punto de vista do é moi importante e queremos convocarvos a unha xuntanza de máximo un dúas horas de duración, que terá lugar na Biblioteca Municipal o vindeiro luns 18 de Marzo ás 19.30 horas.

Neste encontro informarásevos sobre o proceso que se está levando a cabo e pedirásevos unha pequena colaboración na recollida de datos para o plan.

A túa opinión importa, anímate a participar!

 

Tamén está aberta a posibilidade de cubrir enquisa no documento online en https://www.cognitoforms.com/PlanificacionTEC/MOBILIDADEASNEVES ou en papel en PMUS As Neves enquisa en papel 

Máis información en PMUS As Neves máis información

Ler Máis
14 Mar
0

Proxecto de Ordenanza municipal de prevención de incendios forestais

De conformidade co previsto no artigo 133.1 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, co obxectivo de mellorar a participación dos cidadáns no procedemento de elaboración de normas, con carácter previo á elaboración do proxecto definitivo de ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DA PREVENCIÓN DE INCENDIOS FORESTAIS, solicítase a opinión dos suxeitos e das organizacións máis representativas potencialmente afectados pola futura norma acerca de:
a) Os problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa.
b) A necesidade e oportunidade da súa aprobación.
c) Os obxectivos da norma.
d) As posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias.

Os cidadáns, organizacións e asociacións que así o consideren poden facer chegar as súas opinións sobre os aspectos expostos no seguinte cuestionario durante o prazo de dez días a contar desde o día seguinte ao de publicación do presente anuncio na web municipal, mediante a súa presentación en calquera dos lugares indicados no artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa
Evitar a perdas de riqueza nas economías rurais, o risco severo para as persoas e os ecosistemas e o gasto público que supoñen os incendios forestais
Necesidade e Oportunidade da súa aprobación
A vaga de lumes de outubro de 2017 amosa de xeito indubitado a necesidade e oportunidade de cumprir coas obrigas establecidas pola Lei 3/2007, de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia.
Obxectivos da norma
Regulación da xestión da biomasa vexetal no territorio municipal do Concello das Neves e dentro do seu ámbito competencial, nos termos definidos na Lei 3/2007, de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia.
Posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias
Resulta preciso aprobar unha Ordenanza Municipal REGULADORA DA PREVENCIÓN DE INCENDIOS FORESTAIS porque actualmente este concello carece de toda clase de regulación

 

PROXECTO_ORDENANZA PREVENCIÓN DE INCENDIOS

 

Proceso participativo/enquisa:

(máis…)

Ler Máis
13 Mar
0

Depo Aventura A Lanzada 2019

Depo Aventura A Lanzada 2019

Oferta de 2.200 prazas nos campamentos de verán para menores da provincia de Pontevedra.

A Deputación provincial, co obxecto de promover e fomentar o desenvolvemento persoal e social das nenas e os nenos e favorecer a comunicación e o dinamismo multicultural, organiza o programa “Depo Aventura A Lanzada” 2019 e oferta 2.200 prazas nos campamentos de verán para menores da provincia de Pontevedra.

Este programa ofrece a posibilidade de que nenas e nenos gocen do seu tempo libre no verán participando en actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo, que contribúan ao seu enriquecemento persoal e lles faciliten coñecer outros lugares fóra do seu contorno habitual.

OBXECTIVOS

  1. Fomentar o contacto coa natureza
  2. Ensinar a desenvolverse nun medio non habitual
  3. Potenciar a motricidade e a maduración persoal
  4. Ensinar a ocupar o tempo libre dunha forma construtiva
  5. Desenvolver a sociabilidade entre as e os menores
  6. Inculcar hábitos hixiénicos, alimentarios e de exercicio físico
  7. Fomentar o respecto polo medio e a conservación da natureza
  8. Darlles a oportunidade de participar a menores pertencentes a familias con escasos recursos económicos

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na Sede Electrónica da Deputación de Pontevedra,  https://sede.depo.gal

O prazo de presentación das solicitudes será de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), é dicir, do 7 ao 28 de marzo de 2019.
Non obstante, no BOPPO núm. 243, de 19 de decembro de 2018, publicouse o calendario laboral do 2019 para a Comunidade Autónoma de Galicia, no que se inclúen as festas laborais de carácter xeral e as de carácter local.
O xoves 28 de marzo é festa de carácter local no concello de Vigo, polo que, de conformidade co establecido no artigo 30.6 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo para a presentación de solicitudes das persoas empadroadas en Vigo remata o venres 29 de marzo de 2019.

Para calquera aclaración ou dúbida poderá poñerse en contacto co Servizo de Cohesión Social e Xuventude a través do teléfono 986 804 100 ou do seguinte enderezo de correo electrónico: cohesionsocialexuventude@depo.es

Ler Máis
13 Mar
0

Depotermal

O Concello adheriuse ao programa Depotermal 2019 organizado pola Deputación de Pontevedra.

Contido:

  • Programa de asistencia diaria (1.248 prazas)
  • Programa termal con pernoita (3.186 prazas)

Prazo de inscripción: O prazo de presentación de solicitudes para a cidadanía será do 28 de febreiro ao 29 de marzo ( ambos incluídos).

Requisitos:

  • Poderán beneficiarse do plan termal as persoas empadroadas na provincia de Pontevedra que non padezan ningunha enfermidade ou patoloxía incompatible coa actividade e que cumpran algún dos seguintes requisitos:
    • Ser nacido antes do 1 de xaneiro de 1969
    • En caso de ser nacido o 1 de xaneiro de 1969 ou nunha data posterior:
      • Ter a condición de pensionista polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións, para o que se deberá achegar unha fotocopia do certificado correspondente
      • Ter recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 %, o que se acreditará coa tarxeta ou certificado de recoñecemento do grao de discapacidade
      • Precisar dun respiro familiar, o que se acreditará mediante o modelo de informe da traballadora ou traballador social dos servizos sociais comunitarios básicos

No caso de persoas que desexen participar no plan de forma conxunta é preciso que as dúas cumpran os requisitos esixidos nestas bases.

As persoas beneficiarias deben reunir ademais os seguintes requisitos:

  • Non padecer alteracións de comportamento que poidan perturbar a normal convivencia nos establecementos nin enfermidades transmisibles con risco de contaxio
  • Poder valerse de maneira autónoma para as actividades da vida diaria

Diptico informativo: https://www.depo.gal/documents/1076146/8524747/GAL-02+triptico+depotermal+2019+A5.pdf/03573994-8bc4-44e6-9202-a5448b23a00e

Ler Máis
08 Mar
0

8 M: Día Internacional das Mulleres

O Concello das Neves ten presente o concepto da igualdade de xénero en todas as súas políticas e declara a súa firme decisión de afondar nos valores do feminismo; a defensa da igualdade de xénero.
Dada importancia e o simbolismo da data na que nos atopamos, dende a institución recoñécese e apóiase tanto a Galegas 8M como ás convocatorias de manifestación do 3 de marzo e de folga do 8 de marzo de 2019.
Así mesmo, o Concello manifesta o seu compromiso contra as ameazas de retrocesos en materia de dereitos, de forma especial no tocante ás violencias machistas, ao dereito ao aborto e á permisividade ou legalización dos ventres de aluguer.
As Neves é igualitaria, As Neves é feminista.

#AsNeves #8M #Feminismo #Igualdade

Ler Máis
04 Mar
0

MonÇão e As Neves proxectan unha ponte colgante peonil e para bicicletas no río Miño

Os Alcaldes de MonÇão e das Neves, Antonio Barbosa e Xose Manuel Rdgz Méndez xunto cos técnicos visitaron nesta tarde do luns os lugares onde se proxecta a construción e instalación dunha ponte colgante no río Miño.

A ponte peonil que tamén permitirá o paso para bicicletas será posta en marcha a través do programa de cooperación europeo POPTEC e estará establecido dentro do Estudo de Mobilidade Transfronteriza, que impulsa a Deputación, como un elemento singular da zona e un pontente atractivo turístico.

O Miradoiro de San Francisco, preto de Porto Maior, e a Freguesía da Bela son os puntos de unión que permitirán conectar o galego Sendeiro dos Pescadores coa Portuguesa Ecopista.

Alcaldes e técnicos na beira do río Miño

Ler Máis
04 Mar
0

BTT do Requesón “Os 66 do Requesón” e andaina

O vindeiro domingo 24 de marzo celébrase nas Neves a tradicional BTT do Requesón, este ano nomeada “Os 66 do Requesón”.

Como cada ano está proba é organizada por ACD Sanomedio que conta tamén con andaina ao tempo  e colabora o Concello das Neves.

Empeza a actividade da Feira do Requeixo e Mel 2019 nas Neves cunha nova Ruta BTT e outra de Sendeirismo

O vindeiro domingo, 24 de marzo, ACD Sanomedio, coa colaboración do Concello, organizan, coma parte da programación da Festa do Requeixo, que terá lugar nas Neves os días 19 e 20 de abril, a VIII ruta BTT “Los 66 del Requesón”, e unha nova Ruta de Sendeirismo polos montes da vila.

Ruta BTT

A Ruta BTT, ten dous percorridos de dificultade media: un longo de 66 quilómetros e outro curto de 33. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición entrando en  http://www.acdsanomedio.com.

A organización pon a disposición dos participantes: duchas, lavado de bicis, ‘Coche escoba’, ambulancia medicalizada, avituallamentos (un sólido máis un líquido, dous líquidos máis froita) e asistencia e ruta. Ó finalizar a proba habilitarase unha zona de asistencia fisioterapéutica da man de Equilibrio; Centro de Rehabilitación, Fisioterapia, Osteopatía e Biomecánica para os participantes que o precisen.

Ademais, na meta os deportistas terán agardando un prato de pasta, requeixo e viño de  Rubiós. O prezo xeral é de 10€.

Sendeirismo

Paralelamente a esta BTT terá lugar unha Ruta de Sendeirismo por Cerdeira que finalmente terá a distancia duns 8 quilómetros e pensada para todas as idades. Dispón de avituallamento sólido e líquido e de Seguro de Accidentes e desplazamento en autocar de ida e volta a Cerdeira.

Será obrigatorio a inscrición previa entrando en http://www.acdsanomedio.com/ruta-sendeirismo-do-requeson-2/ ou por medio de SMS ou WhatsApp aos teléfonos 616992177 ou 629270651. Tamén se pode facer mandando un correo electrónico ao enderezo organización@acdsanomedio.com. O prezo é de 5€.

Ler Máis
03 Mar
0

A veciñanza das Neves aliviada no pago de impostos para reconstruir despois dos lumes

O Goberno local das Neves lembra que as accións aprobadas no seu día para facerlle fronte ás perdas ocasionadas polos lumes de outubro de 2017, seguen a beneficiar ás veciñas e veciños.

Para facilitar que os afectados puidesen rehabilitar as súas propiedades, o Pleno do Concello, a proposta do Goberno local, acordou, coma subliña o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, “unha redución do 95% no imposto de construcións”.

Ademais, estableceu unha bonificación no seu grao máximo-o 95%- para as obras de reparación, rehabilitación e reconstrución, ou nova construción, sempre que veña imposta por imperativo legal, das edificacións xa existentes no termo municipal, que foran afectadas polo lume.

“Esta bonificación ten efectos retroactivos para tódalas solicitudes de licenza ou comunicacións previas efectuadas dende o 15 de outubro de 2017”, e estendeu os seus efectos a tódalas solicitudes de licenza ou comunicacións previas efectuadas para esta finalidade, ata o 31 de decembro de 2018.

Estas medidas supuxeron, subliña o alcalde, que “dende os lumes e ata finais do ano pasado as veciñas e veciños das Neves tivesen unha rebaixa de impostos de 62.612,43€”.

Ler Máis