Blog

03 Set
0

As Neves pasa a nivel medio-baixo de restricións pola COVID

A partir das 00:00h. deste sábado, día 4 de setembro, As Neves pasa ao nivel máis baixo de restricións pola COVID.

Tal e coma decidiu o Comité Científico que asesora a Xunta e se recolle no Diario Oficial de Galicia (DOG) Núm. 169-Bis do Xoves, 2 de setembro de 2021???? https://bit.ly/38CDyH8

O principal cambio afecta aos aforos na hostalaría: pasan a ser do 75% no interior e do 100% na terraza.

O detalle completo das normas vixentes neste nivel pode consultarse neste enlace: https://bit.ly/32AuaAu

Ler Máis
02 Set
0

As Neves será o primeiro concello do Condado en ter todo o alumeado público con tecnoloxía LED

Antes de rematar este 2021 o alumeado público das Neves estará composto íntegramente por luminarias LED. Así, o noso concello será o primeiro do Condado que completará a renovación integral deixando definitivamente atrás o vello ‘sistema’ de vapor de mercurio.

Esta renovación abrangue preto de 2.500 puntos de luz, ademáis da substitución dos cadros eléctricos e os treitos máis deteriorados de todo o cableado. Culmina, así, un traballo iniciado hai tres anos que tiña coma obxectivo, apunta o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, “chegar á totalidade do territorio municipal, retirando as vellas lámpadas obsoletas e contaminantes e colocando no seu lugar luminarias leds de alta tecnoloxía”.

Aforro e redución da contaminación

Rodríguez Méndez recalca que, en conxunto, o novo alumeado “ademais de subir a intensidade e claridade do actual mellorando de xeito considerábel o servizo ás veciñas e veciños, permitirá aforrar ás contas municipais máis dun 70 %, de media, no recibo eléctrico e reducir a emisión de CO2 á atmosfera”.

Do mesmo xeito, estarán implantados sistemas intelixentes de telexestión enerxética nos ‘cadros da luz’ o que permitirá monitorizar o alumeado en tempo real e xestionalo punto por punto, permitindo regular a intensidade lumínica e programar o acendido e apagado en función das necesidades e das horas nas que haxa luz natural.

O alcalde subliña que o orzamento anual para alumeado público foi no ano 2020 de 125.000 euros e en 2022 poderá ser de arredor de 37.500, o cal suporá un aforro de 87.500 euros. Esta cantidade, sinala o Rodríguez Méndez, irá destinada aos Servizos Sociais, de feito, engade, “no orzamento de 2021 xa se reordenaron 50.000 euros deste aforro no alumeado para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF)”.

As veciñas e veciños das Neves aportaron o 17,86% de toda a inversión

A renovación de todos o alumeado público das Neves tivo un orzamento total de 1.106.056,99 euros para os cales o Concello conseguiu unha financiación do 82.14% do total (900.198,77 €), isto supón, salienta o alcalde, que o Concello das Neves so inviste un 17,86% (197.550,90 €), “unha cantidade que en 2 anos e medio estará recuperada grazas ao aforro na factura eléctrica”.

Rodríguez Méndez, lembra que a maior parte da inversión realizada procede de achegas do Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e de fondos europeos, acadados polo Goberno local nos últimos anos.

Ler Máis
01 Set
0

Ópera Break’s nas Neves

O vindeiro sábado, 4 de setembro, ás 19:00 h terá lugar na Praza do Concello a actividade destinada á mocidade: ‘Ópera Break’s’.

Trátase dun espectáculo que mestura Ópera, Breakdance, Beatbox e Dj, nunha única función de gran calidade artística que brota da conexión da soprano Esperanza Mara e os artistas urbanos do colectivo Vella Escola.

O acceso será libre e o aforo controlado e estará activado o protocolo Covid.
Esta actividade está co-financiada co programa ‘Cultura no Camiño’ de AGADIC

Ler Máis
31 Ago
0

O Concello realiza melloras nas instalacións da Escola de Educación Infantil de Rubiós

Empregados do Concello están a realizar estes días melloras nos baños das nenas e nenos da Escola Unitaria de Rubiós. 

Estes traballos súmanse aos feitos nos últimos meses nas escolas unitarias das Neves, entre eles a instalación dunha porta de emerxencia en aluminio ampliando unha ventá, neste mesmo centro, e  a modificación dunha das portas de entrada instalando vidros laminados que permiten unha maior entrada de luz ao interior, na Escola Unitaria de Taboexa.

Tal e como aprobara a Consellería de Educación, en Educación Infantil, Primaria e Educación Especial, as alumnas e alumnos volverán a clase o vindeiro xoves 9 de setembro: serán os primeiros en decirlle adeus ás vacacións de verán.

O mércores 15, comezarán os estudantes de Secundaria, Bacharelato e Formación profesional. Todos eles rematarán o curso o el 22 de xullo de 2022,

Ler Máis
30 Ago
0

Obras en infravivendas

 

 

 

As obras de adecuación das vivendas están financiadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo.

A concelleira de Servizos Sociais, Pilar González, xunto co arquitecto e técnicos municipais, visitou as obras do programa de rehabilitación de infravivendas, que xa se están realizando en Tortoreos e Setados.

As outras tres vivendas incluídas no programa deste ano, iniciarán os traballos en breve.

Ler Máis
27 Ago
0

“Depo Auga” nas Neves

O programa da Deputación de Pontevedra que combina paddle surf e caiac, conta cunha nova actividade este sábado 28 de agosto, ás 11:00h, na Área Recreativa de Santa Mariña.

“Depo Auga” está dirixido ás persoas amantes dos deportes da natureza e aventura e participan nestas travesías guiadas- de aproximadamente unha hora e media de duración- grupos de persoas maiores de 18 anos, ou menores (mínimo 12 anos) acompañados pola súa nai, pai, titora ou titor.

As e os participantes, xa previamente inscritos, deberán desprazarse ao lugar de inicio da actividade, onde recibirán información sobre o funcionamento do programa e  entregaráselles todo o material necesario para as actividades.

Haberá 4 quendas de 14 participantes. Dúas serán de mañá e dúas de tarde cunha duración aproximada de unha hora e media

O deputado delegado de Deporte, Gorka Gómez, e os tenentes de alcalde das Neves, Marcelino Couto e Óscar González, darán a saída aos participantes. 

Ler Máis
26 Ago
0

As Neves pasa a nivel medio de restricións

A partir deste sábado 28 de agosto, As Neves volverá ao nivel de ‘Restrición Media’, logo da mellora na evolución da pandemia.

Segundo indica a Xunta de Galicia, os principais cambios que entran en vigor son:
• Quedan restrinxidas as reunións entre persoas non conviventes entre a 3:00 h e as 6:00 h.
• Na hostalaría a capacidade no interior será do 50% (ata 6 persoas por mesa) e a exterior do 100% (ata 10 persoas por mesa).

Todas as normas en: https://coronavirus.sergas.gal/Contidos/Nivel-Restricion-Media

Ler Máis
25 Ago
0

Continúa a limpeza de camiños e vías públicas das Neves, logo de rematar unha limpeza anual completa

A programación de limpeza de vías municipais consta de traballos con 2 tractores e, alomenos, 1 brigada manual que comeza a inicios de maio e se desenvolve en arredor de 3 meses.

Máis de 40 hectáreas e 90 quilómetros de vías

A brigada combina a limpeza de áreas recreativas, escolas, parques e sendas coas vías máis estreitas e abrangue máis de 40 hectáreas nas beiras das vías municipais o que supón arredor de 90 quilómetros de vías.

Os traballos teñen a dificultade de que os que se comezan en maio, en agosto volven precisar a mesma limpeza.

Empezar antes os traballos non é efectivo, por iso o Concello aumenta as
horas de traballo dos tractores, con horas extraordinarias do persoal, dende o 15 de xuño ata o final. Faise dende esa data porque a partir dela é cando o desbrozado crece con menos potencia.

Limpar de novo

A partir de agora, o Concello continuará coa repetición da limpeza en zonas identificadas das parroquias que se limparon e maio e principios de xuño. Son áreas nas que a maleza volveu medrar moito e supón perigo xa que causa falta de visibilidade.

Tamén seguirá a actuación en vías menos prioritarias, como camiños principais de monte que conectan parroquias, acceso a zonas de fincas, etc.

Estes últimos traballos están programados sen repetición anual, é dicir, cada ano límpanse un diferentes para poder chegar a máis zonas.

Ler Máis
25 Ago
0

O Goberno municipal presenta ás veciñas e veciños de Eira da Liñaza a reforma da súa rúa

Este martes, membros do Goberno local mantiveron unha xuntanza coas veciñas e veciños de tódalas vivendas da rúa Eira da Liñaza. Na mesma, informáronlles do proxecto de reforma desta rúa.

O mesmo, comenta o segundo tenente de alcalde, Óscar González, “tivo unha boa acollida polos veciños”, que propuxeron unha pequena modificación que vaise estudar por parte dos técnicos municipais.

Hai que lembrar que nesta mesma rúa o Concello levou a cabo a renovación do alumeado público, mellorando o servizo, dende o tanto no que se refire ao consumo de enerxía, aforro e impacto ambiental.

Ler Máis
24 Ago
0

Melloras do asfalto de vías municipais

Nos vindeiros días pavimentaranse os camiños da Chan (Vide) e de Porteiró (Santa Eulalia de Batalláns).

Os traballos consistirán no re-asfaltado de 2 tramos de camiños que suman uns 800 metros lineais con anchos de 4 e 5 metros segundo os casos. Haberá traballos complementarios de limpeza de caños, execución dun tramo de beiravía e dunha tajea ademais do pintado da estrada.

As obras son financiadas polo Plan Marco 2021-2022 da Consellería de Medio Rural e terán un custe de 55.002,63 euros.

Todos estes traballos están encadrados na planificación anual para a mellora de estradas de 2021 do Concello das Neves.

Ler Máis