Mirador de San Nomedio

 

O Goberno local das Neves e cinco comunidades de montes da vila, convocan para este sábado, día 7, ás 12:00h. diante da capela de San Nomedio, un acto de protesta en contra da instalación dun parque eólico no concello.

Os promotores do mesmo, baixo o nome de ‘Coto de Lobos’, xa pediron á Xunta a declaración de impacto ambiental para instalar os aeroxeradores no monte de San Nomedio.

Será aquí onde os representantes das comunidades de montes de Santiago de Ribarteme, Rubiós, Taboexa, San Xosé de Ribarteme e San Pedro de Batalláns, e membros do goberno local manifesten a súa total oposición a este proxecto.

Altura superior a 200 metros

Dacordo co mesmo, os aeroxeradores, terán uns fustes de 135 metros de alto e unhas aspas de 170 metros de diámetro, o que supón unha altura, en conxunto, superior aos 200 metros.

Estarían situados, subliña o alcalde, “no centro orográfico das Neves, nun mirador que forma parte da Rede de Espazos Paisaxísticos de Galicia, ao que hai escursións a diario, con elementos patrimoniais a conservar, no que se practican deportes coma o parapente ou o ciclismo e que é un centro ‘starlight’, de observación astronómica”.

O Goberno local presentará alegacións contra a pretensión da instalación deste parque eólico e convocará e dará o seu apoio a todas as mobilizacións que se convoquen para parar este parque, como a convocada este sábado ao carón da Capela de San Nomedio.