Técnicos do Instituto de Biomecánica de Valencia (IBV), veñen de realizar as probas no novo céspede do Campo Municipal de Fútbol ‘Pepe Capón’ para entregarlle o selo de certificación FIFA Quality Pro.
O alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, o concelleiro de Deportes, Óscar González, o presidente do Nieves F.C., Salvador Pérez, e o coordinador de categorías José Manuel Alves ‘Pozas’, visitaron o campo, comprobaron o estado do céspede e recibiron información do especialistas que levaron a acabo as probas.
Estas probas, como indicou o concelleiro de Deportes, determinan estado do terreo de xogo, a súa situación, o bote e desprazamento do balón, o drenaxe, durabilidade e resistencia, agarre do céspede é “especialmente, a súa adecuación para a prevención de lesións das xogadoras e xogadores que van a utilizalo”.
200 xogadoras e xogadores
Óscar González lembrou que son máis de 200 deportistas, de todas as categorías, dende alevíns ata os recen ascendidos integrantes do primeiro equipo, os que adestrarán e disputarán distintas competicións en este novo céspede. Precisamente, reiterou, “tanto o cambio do céspede coma os traballos de control e certificación da súa calidade están enteiramente orientados a garantir que todos eles podan xogar coa meirande seguridade, sexan cales sexan as condicións ambientais e climáticas”.
Preto de 127.000€ de orzamento
O cambio dos 6.842 metros cadrados da herba artificial do campo municipal, “que tiña danos moi considerábeis por 14 anos ininterrompidos de uso e por mor dos lumes de hai tres anos”, contou cun orzamento de 126.868,50 €, que se financiaron coa axuda para bens públicos danados polo incendio de 2017, achegada polo Ministerio de Política Territorial e Función Pública (49%), a aseguradora MAPFRE (23%) e Fondos do Plan Concellos da Deputación (28%).