O domingo 19 inicia a actividade cultural de outono nas Neves, no Auditorio Municipal co programa “Outono en Galego” con teatro e cinema que terán lugar no Auditorio sempre en domingo ás 18:30 h.
Teatro
• O 19 de setembro a compañía De Ste Xeito interpretará a obra de teatro ‘Loló e mamá’, unha peza recomendada para maiores de 12 anos. Como acolle unha filla a volta da súa nai? Quén é a nai e quen a filla cando é esta última a que ofrece casa e sustento? Canto tempo pode pasar até que esta bomba de reloxería estoupe definitivamente?
Loló e Mamá fainos ver, grazas ao humor, que as cousas son máis difíciles do que nos gustaría e sobre todo, que o amor é unha arma de dobre fío: canto máis se ama, máis se sofre.
• O 3 de outubro, Redrum teatro achegaranos a obra de teatro ‘#2Pilgrims’. Na peza, recomendada para público adulto, o Camiño de Santiago, a igualdade e as novas masculinidades serán os temas principais, cunha aventura cativadora que poderá catapultar as súas carreiras á actualidade internacional.
• O 17 de outubro, a compañía Excéntricas interpretará a obra de teatro ‘Cartoons’, unha peza recomendada para público familiar. As escenas estimulan no público infantil o impulso lúdico, a capacidade mimética, a plasticidade imaxinativa e a criatividade orientada. Este espectáculo tamén é un vehículo de valores, como a colaboración, o traballo colectivo, a solidariedade, a consciencia ecolóxica, a empatía social e a autosuficiencia.
Cinema
• O 14 de novembro é a primeira sesión de cinema, coa película ‘A galiña Turuleca’. O filme, gañador no 2020 do Premio Goya á Mellor Película de Animación, retoma ao personaxe da famosa canción infantil popularizada polos pallasos da tele, cunha entrañable historia pensada para os máis pequenos e pequenas, sobre unha galiña cun aspecto peculiar e un don moi especial.
• O 28 de novembro proxectarase ‘Nación’. Un filme documental de Margarita Ledo Andión que traslada un relato dunha loita inconclusa das mulleres da fábrica de cerámica de A Pontesa.
• Finalmente, pechando o programa, o 12 de decembro proxectarase ‘A poeta analfabeta’. Unha película documental dirixida por Sonia Méndez, que retrata a unha muller fascinante: Luz Fandiño. Poeta, activista, feminista, nacionalista e revolucionaria.
os seus 88 anos é unha das voces vivas da emigración galega, da que volveu pobre pero cunha fonda consciencia da súa identidade, a súa lingua e o seu xénero. Luz é testimonio vivo das realidades máis duras so século XX. Por ser muller, por ser emigrante, por ser pobre, e por ser roja.
Protocolo Covid e reserva previa
Debido ás limitacións de aforo incluídas no protocolo de seguridade fronte á Covid-19, recoméndase realizar reserva previa de asentos para asistir ás actividades cubrindo o formulario dispoñible en: bit.ly/outonoengalego
As actividades incluídas neste programa están co-financiadas polo Concello das Neves, a Deputación de Pontevedra e as axudas de Cultura no Camiño de AGADIC.