Blog

13 Xul
0

O Goberno local urxe á Xunta a limpar o perímetro do ‘Coto do Facho’ por onde entraron os lumes de 2017

O alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, o primeiro tenente de alcalde, Marcelino Couto, o segundo tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente, Óscar González, e a concelleira Rocío Barreiro, reuníronse con responsábeis da Consellería de Medio Rural, logo da declaración de 9  conatos de lumes no Coto do Facho e na zona da Chan, en Tortoreos, -o mesmo lugar polo que entraran os incendios de  2017-.

A situación na que se atopa este lugar  fixo que se activasen as alarmas, indicou o alcalde, quen apuntou que é “unha zona pola que, irremediablemente, como xa vimos en 2017, as lapas chegan a unha parte do casco urbano no que hai unha gasolineira, unha nave, tendas e vivendas e que poden causar gravísimos danos”.

Na reunión os membros do Goberno local, insistiron na necesidade de eliminar canto antes toda a masa forestal de especies pirófitas (aquelas que propagan con facilidade o lume, como o eucalipto, o piñeiro e a acacia) do perímetro do Coto do Facho, algo que non se fixo ata hoxe e que é urxente e posible, á vista da evolución da situación sanitaria.

Os representantes da Consellería de Medio Rural expresaron a súa intención de actuar no lugar,se ven apuntaron a que existen dificultades dado que hai varias parcelas privadas e precisan permiso dos seus propietarios para entrar nelas. Por iso, en colaboración co Concello, redobrarán os traballos para identificar, localizar e notificar aos donos das fincas a necesidade de que ou ben limpen as súas terras ou permitan que o fagan os traballadores da Xunta.

Na mesma liña, Medio Rural tamén estreitará os contactos cos responsábeis das Comunidades de Montes das Neves para poder facer o mesmo, coa máxima urxencia nas parcelas das zonas da ‘faixa de seguridade’ que están dentro do territorio destas comunidades. Fora das mesmas, o Goberno local das Neves conseguiu o compromiso da Xunta para contratar capataces que realizarán inspeccións, mentres que e o Concello axilizará as notificacións aos propietarios.

Chamamento aos propietarios para que asinen co Seaga o contrato de limpeza de parcelas

Na mesma liña, o alcalde e o concelleiro de Medio Ambiente fixeron un chamamento aos titulares de parcelas para que asinen coa empresa pública Seaga un contrato de xestión da biomasa e limpeza de fincas. O mesmo ofrece a posibilidade de contratar esta limpeza e roce por unha tarifa anual de 350 € por hectárea, o que é o mesmo, 35€ por 1.000 metros cadrados, axudando así á prevención e defensa contra os incendios forestais.

Ata hoxe propietarios de 26 hectáreas, das 70 que abrangue o convenio entre Seaga e o Concello das Neves,  asinaron o contrato para a limpeza das súas fincas. Realizaron o pago os donos de 21 hectáreas e xa están limpas 16 delas, quedan 5 e en 4 hai arborado que os donos poden talar ou vender.

Compromiso do presidente da Xunta 

O alcalde, quen agradeceu a boa vontade dos representantes de Medio Rural, confía en que a Xunta dea cumprimento á promesa que o presidente Feijóo fixo na xuntanza que mantiveron en Santiago hai dous anos e se realice a limpeza neste lugar.

“A consellería dispón de todos os datos e estudos, realizou unha avaliación da situación logo dos incendios de 2017, ten a competencia e conta cos medios”, indica o alcalde, quen reitera a urxencia desta actuación que, subliña, “é un traballo esencial de prevención, de anticipación”, ante a posibilidade de incendios que, “como xa sufrimos as veciñas e veciños das Neves poden causar danos irreparábeis”.

Ler Máis
12 Xul
0

A Deputación e o Concello das Neves mellorarán a mobilidade peonil na estrada EP-4006

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar o convenio co Concello das Neves para o financiamento da mellora da mobilidade peonil na intersección da EP-4006 Ponteareas-As Neves, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 11+960 e 12+080, nas que se investirán 142.070€. A Deputación aportará o 70% deste presuposto (99.449€) e o Concello das Neves o 30% restante (42.621).

A actuación, que dá continuidade á senda peonil executada hai dous anos para a seguranza da veciñanza desde o núcleo do Rabelo e a conexión co colexio e centro da vila, está encamiñada ao acondicionamento da estrada EP-4006 ao longo duns 120 metros, na contorna da rotonda que comunica coa EP-4202, a fin de mellorar a funcionalidade da vía e a súa seguridade.

O proxecto busca darlle prioridade ó tráfico peonil, incrementando o espazo ocupado polas beirarrúas, e mellorar a seguridade viaria mediante unha reordenación dos accesos á rotonda e ó aparcadoiro do autobús. A rotonda contará cun diámetro interior de 6 metros, dous carrís de 4 metros cada un e beiravía exterior de 0,50 metros.

O proxecto tamén contempla a reposición dos servizos de recollida de augas pluviais e do alumeado público, co emprego de luminarias LED con columnas de aceiro galvanizado nas beirarrúas e 4 proxectores LED sobre báculo de aceiro galvanizado na rotonda. Ademais, empregarase un alumeado ornamental no interior da rotonda composto por 3 luminarias.

Doutra banda, ao longo das beirarrúas distribuiranse 9 árbores e 4 bancos de pedra granítica e tamén se procederá á instalación dunha nova marquesiña. As actuacións completaranse coa sinalización completa, horizontal e vertical.

 

Ler Máis
12 Xul
0

Adxudicadas as axudas municipais ás Comunidades de Augas

 

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a concesión das axudas municipais ás Comunidades de Augas convocadas por primeira vez no concello das Neves, cun orzamento total de 20.000 €.

Presentáronse un total de sete solicitudes e unha delas, finalmente renunciou. As demais foron valoradas seguindo un total de 13 criterios obxectivos. Así, finalmente, resultaron concedidas as axudas das catro propostas de maior puntuación, achegadas polas comunidades de Usuarios de Vide (70 puntos), Santiago de Ribarteme (70 puntos), Taboexa Norte (65 puntos) e San Pedro de Batalláns (65 puntos).

Tendo en conta que cada Comunidade pode optar a un máximo do 70% do seu investimento, cun máximo de 7.000,00 €, adxudicouse a concesión da subvención máxima (70% do orzamento presentado) ás dúas melloras clasificadas, que obtiveron 70 puntos, e concedeuse unha axuda
de aproximadamente o 60% do orzamento presentado ás dúas que obtiveron 65 puntos; esgotando o máximo de 20.000 € euros previstos.

Quedaron fóra, por esgotamento do crédito orzamentario no vixente exercicio de 2021, as Comunidades de Usuarios de Augas de Cerdeira e de Lombo-Campo-Filgueira-Couto, que obtiveran 55 puntos na valoración realizada pola comisión técnica.

Dende o Concello avalíse positivamente esta primeira convocatoria de axudas municipais, que supoñen un novo avance na colaboración coas Comunidades de Augas, entidades que realizan unha labor importantísima no mantemento dun servizo fundamental como é o de abastecemento de augas de consumo.

As bases e os documentos para a xustificación (formulario 3 e 4) están dispoñibles na anterior nova https://arquivo.asneves.gal/aprobadas-as-bases-de-axudas-municipais/.

 

Ler Máis
08 Xul
0

O Concello ven de iniciar a renovación de catro parques infantís

O Concello das Neves vén de comezar as obras de mellora dos parques infantís de Vide, A Estación, Cerdeira e da Eira da Liñaza.

Repararanse elementos e colocaranse novos nos casos que sexa preciso.

No parque da Chan de Vide tamén se renovará a varanda debido á proximidade de varias vías.

Nos de Cerdeira e A Estación melloraranse tódolos elementos incluíndo a substitución dos máis deteriorados.

O parque da Eira da Liñaza necesita un limpeza a fondo do caucho, a
reparación dos elementos incluídos os tellados e caseta do xogo múltiple.

Os traballos teñen un orzamento de 21.800€, que se financiarán con fondos do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.

Ler Máis
06 Xul
0

Empezan a prestación de servizos as alumnas do obradoiro ‘Coidar de nós III’

Este luns comezaron a súa prestación de servizos no Consorcio Galego de Igualdade e Benestar tres alumnas do obradoiro de emprego ‘Coidar de nós III, impulsado polos concellos de Ponteareas e das Neves.

Ata o vindeiro 20 de agosto, na primeira quenda do mesmo, dúas alumnas traballarán no Centro de Día das Neves e outra no Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

Na segunda quenda, do 23 de agosto ata o 24 de setembro, dúas integraránse no Servizo de Axuda no Fogar e outra no Centro de Día.

Este obradoiro de emprego permitirá ás alumnas e alumnos obter a Certificación Sociosanitaria de atención a Persoas Dependentes en Domicilios e Institucións. 

Ademáis, durante os meses de formación están contratadas  e perciben unha retribución equivalente ao 100% do salario mínimo interprofesional incluída a parte proporcional dunha paga e media extraordinaria.

 

 

Ler Máis
05 Xul
0

Pleno das Neves, este martes, día 6 de xullo

Este martes, 6 de xullo, terá lugar ás 20:00 h unha nova sesión ordinario do Pleno Municipal das Neves.

???????????? Será retransmitido en directo a través das canles oficiais do Concello As Neves.

Ler Máis
02 Xul
0

Avance da desescalada: uso dos locais municipais

Ante o avance cara a normalidade, e despois dos últimos cambios aprobados polos organismos estatal e galego, o Concello das Neves decide permitir a realización de actividades de lecer de
tipo socio-cultural e deportivo nas instalacións de titularidade municipal organizadas por asociacións e outros colectivos.

Deste xeito, permítense actividades tales como clases de baile, ximnasia e ensaios de música, ademais de deporte, tanto federado como non federado dentro das instalacións municipais.

En todo caso, para a realización das actividades será obrigatoria a solicitude previa de autorización ao Concello.

Ademais, todas as actividades deberán incluír un protocolo de seguridade fronte á Covid-19:
Control do cumprimento do aforo do espazo permitido para a actividade realizada, uso de máscara (agás nos casos nos que se permite a súa retirada), distancia de seguridade, hixiene de mans e limpeza, desinfección e ventilación das instalacións empregadas.

As normas específicas de aplicación para cada caso serán revisadas en cada momento tendo en conta as medidas vixentes.

Ler Máis
30 Xuñ
0

Listado de menores admitidos no Campamento de Verán das Neves

Un ano máis, nos meses de xullo e agosto desenvolverase un Campamento de Verán destinado a nenas e nenos de 4 a 12 anos, co obxectivo de facilitar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar durante as vacacións de verán.

En total, presentáronse 49 solicitudes incluíndo 17 peticións de aula matinal.

O listado de admitidos é o seguinte:

✅As actividades desenvolveranse de luns a venres entre o 5 de xullo e o 27 de agosto de 2021, agás os días 29 de xullo e 5 de agosto, e terán lugar en instalacións municipais situadas en Cerdeira, A Estación e Vide.

????⏱ O horario de apertura será de 9.00 a 14:00 horas, podendo modificarse a hora de entrada (ás 08:00 h) en función das necesidades das familias, sempre que haxa un mínimo de 5 nenas/os.

 

Ler Máis
29 Xuñ
0

Constituído o Consello Climático Xuvenil das Neves

O pasado luns, 21 de xuño, no salón de plenos do Concello das Neves, tivo lugar a primeira reunión do Consello Climático Xuvenil, formado por un grupo de alumnas e alumnos de 4º da ESO do IES Pazo da Mercé.

Ao encontro asistiu o seu profesor, Fernando e a concelleira de Ensino, Pilar González, así como Carmen Novas, representante do Fondo Galego, coa que falaron a través dunha videoconferencia.

Traballo contra o cambio climático

Trátase dun instrumento que ofrece a oportunidade de atraer, concienciar e involucrar á mocidade europea na asunción dun papel máis destacado na loita contra o cambio climático, e foi creado dentro das actividades do proxecto europeo “People&Planet: un destino común”, promovido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade entre os Concellos socios.

O consello reunirase unha vez ao mes ata outubro de 2024, ano no que se organizará un encontro cos grupos dos outros concellos participantes (A Guarda, Oleiros, Rodeiro e Silleda) e, posteriormente, unha selección de participantes desprazarase a Portugal para participar nun
Youthactivism Lab con membros dos consellos dos restantes países integrados neste proxecto.

Dende o Fondo Galego dinamizarán esta actividade con persoal especializado que orientará as sesións de traballo cara a reflexión sobre estilos de vida individuais e colectivos máis sostibles, xuntando as visións locais e global, a fin de elaborar o borrador dunha guía na que se concreten propostas, alén de promover cambios de comportamento ou outras cuestións municipais, estatais e internacionais relacionadas coa sustentabilidade.

Ler Máis
28 Xuñ
0

Últimos días para anotarse no ‘DEPORTE NASNEVES VERÁN 2021’, de xullo

O prazo para inscribirse nas actividades de xullo remata o martes 29 de xuño.

Para a inscrición deberán presentar nas Oficinas Xerais ou a través da Sede Electrónica do Concello a solicitude de inscrición (Anexo I, dispoñible na web do Concello), cuberta xunto coa seguinte documentación:
• DNI do pai/nai/titor/a
• DNI da/o menor ou libro de familia
• Cartilla da Seguridade Social
• Xustificante de pago da inscrición na/s actividade/s seleccionada/s na conta do Concello: ES45 2080 5434 0731 1010 0021

Podes descargar aquí as Bases da programación e o Anexo I necesario para realizar a inscrición.

 Máis información sobre as actividades deportivas de verán e/ou sobre a documentación a aportar, contactar no teléfono 986 64 80 38 ou no correo electrónico concello@asneves.gal

Ler Máis