Blog

28 Xuñ
0

Horario de verán na Biblioteca

A partir de hoxe 28, de xuño, a Biblioteca Municipal pasa a ter novo horario. Abrirá de luns a sábado entre as 10:00 h e as 14:00 h.

Ademais de adaptar o horario á época estival, a biblioteca acaba de ampliar e actualizar o fondo de libros dispoñibles para préstamo.

Lembramos tamén, que as instalacións da biblioteca ofrecen o seu uso como sala de estudo, con conexión a internet a través de Wifi e con ordenador portátil habilitado para uso libre na área de lectura e estudo

Ler Máis
25 Xuñ
0

Horario de verán na Casa da Xuventude

A partir deste venres, día 25 de xuño, a Casa da Xuventude das Neves pasa a ter novo horario. Así, abrirá de martes a domingo entre as 18:00 h e as 22:00 h.

Ler Máis
24 Xuñ
0

As piscinas das Neves abren dende este sábado, 26 de xuño

A partir do sábado 26 de xuño, abren as piscinas municipais das Neves, que terán un horario de uso das 15:00 h ás 21:00 h. A cantina pechará as 00:00 h.

ℹ️En cumprimento do protocolo Covid-19 establecido:
– Só se permitirá o acceso con reserva previa en reservapiscinas.asneves.gal

– O aforo do espazo das piscinas está limitado ao 50% (100 persoas):
75 na piscina grande
25 na piscina pequena

– Os vestiarios estarán pechados.
– Será obrigatorio o uso de máscara nos casos sinalados polas normas sanitarias.

As instalacións estarán abertas durante todo o verán, coa previsión de pechar, se o tempo o permite, o 12 de setembro

Ler Máis
24 Xuñ
0

Selección dun posto temporal de peón forestal

O Concello das Neves inicia o proceso para seleccionar un posto de peón forestal con base na subvención coñecida como APROL Rural da Consellería de Emprego e Igualdade.

Documentos:

Bases de selección para un posto de peón forestal

Anexo I

Anexo II

Anexo III

Data e hora da entrevista

Resultado

Ler Máis
24 Xuñ
0

As Neves aposta polo emprego público

Durante este ano 2021 o Concello contratará a 25 persoas, a través de diferentes convocatorias e fontes de financiamento.
Ata o momento, realizáronse xa os procesos de selección para cubrir 20 postos de traballo a tempo completo financiados con orzamento municipal e doutras institucións.

???? Con fondos do Concello:
– 1 Auxiliar de biblioteca durante 12 meses.
– 2 Condutores tractoristas durante 12 meses.

???? Con fondos da Deputación de Pontevedra:
− 2 Fontaneiros/as durante 6 meses.
− 2 Peóns forestais durante 9 meses.
− 2 Peóns de obras públicas durante 9 meses.
− 1 Condutor/a ou operador/a de maquinaria durante 10 meses.
− 2 Peóns de recollida de lixo durante 10 meses.
− 1 Monitor/a de servizos a comunidade durante 10 meses.
–  1 Informadora turística durante 6 meses.

???? Con aportacións da Xunta:
– 1 Peón forestal por 9 meses, a tempo completo.
– 2 Socorristas por 3 meses, a tempo completo.
– 3 Condutores motobomba por 3 meses, a tempo completo.

Está pendente a resolución dunha subvención da Consellería de Emprego para contratar 2 peóns de obras e 3 peóns forestais durante 9 meses ao 75% da xornada.

Ademais, estase a elaborar unha nova Relación de Postos de Traballo (RPT) para actualizar a estrutura de persoal municipal e as características dos postos.  Avanzarase na promoción interna do posto vacante de oficial de servizos e tamén se está a negociar o primeiro convenio colectivo para persoal laboral do Concello das Neves

Ler Máis
24 Xuñ
0

Mellora da seguridade viaria na EP-4201 entre Setados e Santa Marta de Ribarteme


As obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-4201 Setados-Ribarteme-Vide, están en marcha cun investimento de 291.383€ da Deputación.

Os traballos, que ademais da pavimentación reforzan a seguridade na mobilidade peonil, foron visitados polo deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, e o tenente de alcalde, Marcelino Couto, ademáis do segundo tenente de alcalde Óscar González e a concelleira Rocío Barreiro.

4 quilómetros 

A mellora abrangue un tramo de case 4 Km, dende o comezo da estrada en Setados, no cruzamento coa estrada autonómica PO-400, ata a igrexa e mosteiro de Santa Marta de Ribarteme, onde a Deputación xa realizou no ano 2019 unha significativa actuación de humanización para garantir a seguridade e a posta en valor desta contorna patrimonial, moi significativa para As Neves, pois aquí celébrase unha das principais romarías populares de Galicia a finais do mes de xullo. As dúas obras quedarán así enlazadas optimizando a seguridade viaria e poñendo en valor esta contorna patrimonial.

 Gregorio Agís puxo en valor “a continuidade nas obras desta vía, que responden a unha programación e a un criterio de seguridade do século XXI dentro do modelo da Deputación”. Explicou que os traballos son financiados ao 100% pola Deputación ao tratarse dunha responsabilidade propia de conservación. O deputado anunciou que a entidade provincial seguirá “traballando nestas contornas rurais, porque entendemos que as estradas de calidade axudan a consolidar poboación”.

O deputado remarcou que o proxecto inclúe a construción de 2.550 metros lineais de beiravías transitables nas zonas con maior presión peonil para garantir a tranquilidade das persoas que camiñan polas beiras.  Esta solución, que aproveita a bairavía para ofrecer un firme moi similar ao dunha senda, xa está a funcionar con éxito en moitas estradas provinciais.

 
O alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, e o tenenete de alcalde, Marcelino Couto,  subliñaron que a mellora das comunicacións entre a zona urbana das Neves e a igrexa de Santa Marta era unha vella ambición. “O tránsito a pé, dentro dun ámbito tan singular, ao que acode moita xente camiñando dende a parte sur do territorio municipal o día da romaría, vaise facer agora dunha maneira máis ordenada”.

Esta obra encaixa coa intención do Concello de dotar a tódolos espazos municipais de rutas peonís seguras, “así que a colaboración institucional coa Deputación é ben saudada dende o Concello, porque contribúe a alcanzar os obxectivos que nos temos fixado”.



 6 meses de execución

 As obras que agora se executan, cun prazo de execución de 6 meses, enmárcanse no modelo de mobilidade segura e sostible da institución provincial, e veñen dar resposta ás necesidades detectadas polo departamento provincial de Infraestruturas.

Consisten na reposición do firme da estrada, a mellora da drenaxe con instalación de tubaxes, habilitación das novas cunetas de seguridade e a completa renovación da sinalización horizontal e vertical.

O proxecto, despois da exhaustiva revisión do firme da estrada, determina que é necesario sanear 540 metros cadrados, mentres que noutros 3.600 basta cun tratamento da superficie. A situación do firme obrigará a fresar noutros 5.350 metros cadrados e posterior extensión de asfalto en quente. Outros 15.900 metros cadrados da EP-4201 recibirán un microaglomerado en frío. As obras rematarán co pintado de todo o tramo.

Ler Máis
22 Xuñ
0

O ‘VI Raid do Condado-Marqués de Vizhoja’, do 25 ao 27 de xuño en Arbo, Salvaterra e As Neves

Este luns presentouse nas Neves o ‘VI Raid do Condado-Marqués de Vizhoja’. Dende o venres, día 25, ata o domingo, 27 de xuño, os equipos das categorías Èlite, Aventura Masculino, Aventura Feminino e Aventura Mixto, percorrerán 185 quilómetros, divididos en 3 etapas e 11 seccións.

Para os equipos Orienta Raid e Xuvenil, o Raid terá unha distancia de 127 quilómetros, divididos en dúas etapas e 10 seccións, e de 43 quilómetros para os equipos Orienta Raid Curta,  cunha etapa e 4 seccións, todas elas o domingo, día 27.

Resistencia e navegación

O Raid de Aventura é unha competición ‘multidisciplinar’ que ten coma obxectivo probar a capacidade de resistencia, de navegación e de supervivencia de equipos en completa autonomı́a. Os participantes deben completar un extenso percorrido de orientación, no menor tiempo posible, superando as dificultades naturais que atopen aos seu paso, sempre sen usar medios motorizados.

O percorrido está sinalado e é segredo ata a saída: isto supón a necesidade de obter a información do trazado por fontes non habituais, coma o mapa. A mesma orografía, a vexetación e os obstáculos naturais son os que marcan os atractivos e dificultades desta proba. 

Participantes

Para  participar no ‘VI Raid do Condado-Marqués de Vizhoja’ é obrigado estar en posesión da licencia de  Raid da Federación Española de Orientación (FEDO), ou ben estar tramitando a licencia dun día.  

Inscricións

As inscricións deben realizarse na plataforma TRACKTHERACE, no seguinte enlace: https://tracktherace.com/es/vi-raid-do-condado-marques-de-vizhoja-cera-2021

O máximo de equipos este ano, para cumprir cos protocolos Covid-19 esixidos, será de 75, por orde de inscrición. Agora mesmo quedan so tres prazas libres. 

Ler Máis
21 Xuñ
0

Sinalización do xacemento de Porto Maior

O Concello das Neves ven de levar a cabo a sinalización do xacemento paleolítico de Porto Maior coa subvención da Deputación de Pontevedra para a rehabilitación e a sinalización do patrimonio  histórico-cultural, dirixida aos concellos da provincia de Pontevedra para o ano 2020.

O mencionado lugar é o xacemento arqueolóxico máis antigo de Galicia, cunha cronoloxía máxima duns 320.000 anos e que amosa rexistro de  ocupación humana ata os 210.000 anos.

Á marxe da cuestión cronolóxica, neste xacemento tense constancia dun escenario de ocupación único a escala continental. Este chan de ocupación caracterízase por unha inxente acumulación de grandes ferramentas de pedra, que unicamente atopa exemplos semellantes no continente africano.

A diferencia de outros tipos de xacementos arqueolóxicos de épocas máis modernas, o rexistro deste tipo de enclaves unicamente é visible durante o proceso de escavación ou mediante accións de musealización in situ moi  custosas. Neste senso, queda totalmente xustificado o interese desta  actuación de sinalización, que é complementaria a outros proxectos, xa en  marcha, promovidos dende o Concello das Neves para a recuperación natural do entorno do xacemento de Porto Maior.

Porto maior


O xacemento paleolítico de Porto Maior sitúase na beira interna dunha ampla curva do río Miño no concello das Neves (Pontevedra). Localizouse de xeito casual no ano 2005, co gallo da realización dunhas obras de extracción de terras, que deixaron a vista unha sección dos seus depósitos xeolóxicos. Está nunha zona de transición entre un tramo do Miño fortemente encaixado no substrato granítico e outro de amplo e ancho val.

Desde un punto de vista morfoestratigráfico Porto Maior asóciase cos  depósitos dunha terraza fluvial a +34 m sobre o curso actual do río. A secuencia estratigráfica presenta un amplo desenvolvemento de máis de 7m de espesor con abondosas mostras de ocupación humana. Na  investigación do xacemento traballou un equipo internacional de científicos, encabezados por Eduardo Méndez-Quintas, Manuel Santonja e Alfredo Pérez-González.

Os datos cronolóxicos derivados dos múltiples métodos de datación  numérica empregados no xacemento (Resonancia de Espín Electromagnética, Luminiscencia Opticamente Estimulada termicamente transferida -TT-OSL- e Luminiscencia estimulada por infravermellos post- infravermello -pIR-IR-) indican que a ocupación do lugar desenvolveríase entre os 320.000 e os 210.000 anos. Deste xeito, Porto Maior constitúese como o xacemento máis antigo de Galicia cunha cronoloxía, ben establecida, próxima aos 300.000 anos de antigüidade. Non se coñece a día  de hoxe xacemento de cronoloxía semellante en ningún outro punto de Galicia e confírmase de xeito incuestionable a presenza humana na rexión en cronoloxías moi antigas.

Ler Máis
19 Xuñ
0

Deporte nas Neves ‘Verán 2021’

O Concello das Neves, coa finalidade de fomentar hábitos de vida saudables e promover a iniciación e mellora deportiva da xuventude, pon en marcha, durante os meses de xullo e agosto,  un programa de actividades deportivas en colaboración con diversos clubs.

En concreto, serán cursos e actividades de orientación, bádminton, natación, BTT, baloncesto e tenis. Esta programación está dirixida a adolescentes de entre 12 e 18 anos, sendo preciso un mínimo
de 10 participantes en cada unha das actividades. O número máximo de persoas usuarias será determinado no momento de remate da inscrición tendo en conta, entre outras, as condicións relacionadas coa COVID-19.

Na inscrición terán prioridade as persoas empadroadas no Concello
das Neves, circunstancia que se indicará na solicitude.

As actividades que se desenvolverán e os prezos de cada unha delas son:
1. CURSO DE ORIENTACIÓN
• Impartido polo Club Cornelios. O obxectivo é desenvolver probas de orientación por parellas.
• Realizarase os mércores do mes de xullo en horario de 9:30 a 11:30 h tendo como punto de partida a Praza Maior. Prezo 20€ mensuais.

2. CURSO DE BÁDMINTON
• Impartido polo Club Bádminton As Neves. O obxectivo é desenvolver adestramentos personalizados por niveis de iniciación ao bádminton, xogos e un torneo entre as participantes.
• Realizarase os luns e mércores do mes de agosto en horario de 10:00 a 12:00 h no pavillón municipal. Prezo 30€ mensuais.

3. ACTIVIDADE DE NATACIÓN
• Impartida por Monitores/as. O obxectivo é desenvolver actividade de natación.
• A actividade realizarase os venres de xullo e agosto en horario de 12:00 a 13:30 h na área deportiva da Caíña. Prezo 20€ mensuais.

4. CURSO DE BTT
• Impartido pola Asociación Cultural e Deportiva Sanomedio. O obxectivo é o desenvolvemento da actividade de bicicleta de montaña por rutas e camiños municipais para o mellor goce da actividade deportiva.
• A actividade realizarase os sábados de xullo e agosto en horario de 10:00 a 12:00 h na área deportiva da Caíña. Prezo 20€ mensuais.

5. CURSO DE BALONCESTO
• Impartido polo Club Baloncesto Condado. O obxectivo é o desenvolvemento da actividade de baloncesto para mellorar as capacidades e destrezas e para o mellor goce desta actividade deportiva.
• Realizarase os martes e xoves de xullo e agosto en horario de 10:00 a 12:00 h no pavillón municipal. Prezo 30€ mensuais.

6. CURSO DE TENIS
Impartido por un profesional da materia. O obxectivo é o desenvolvemento da actividade de tenis con exercicios nos que se busca a aprendizaxe de forma divertida mostrando a técnica en busca da coordinación e a destreza nesta actividade deportiva.
• Realizarase os venres de xullo e agosto durante unha hora entre as 10:00 e as 13:00 h se fosen precisos varios grupos, na área deportiva da Caíña. Prezo 30€ mensuais.

Para a inscrición deberán presentar nas Oficinas Xerais ou a través da Sede Electrónica do Concello a solicitude de inscrición (Anexo I, dispoñible na web do Concello), cuberta xunto coa seguinte documentación:
• DNI do pai/nai/titor/a
• DNI da/o menor ou libro de familia
• Cartilla da Seguridade Social
• Xustificante de pago da inscrición na/s actividade/s seleccionada/s na conta do Concello:
ES45 2080 5434 0731 1010 0021

O prazo de presentación de solicitudes comeza o luns, 21 de xuño, e finaliza nas seguintes datas:
• Para os cursos que se realicen no mes de xullo: o último día para realizar as inscrición será o 29 de xuño.
• Para os cursos que se realicen no mes de agosto: o último día para realizar as inscrición será o 26 de xullo.

Podes descargar aquí as Bases da programación e o Anexo I necesario para realizar a inscrición.

 Máis información sobre as actividades deportivas de verán e/ou sobre a documentación a aportar, contactar no teléfono 986 64 80 38 ou no correo electrónico concello@asneves.gal

Ler Máis
18 Xuñ
0

Activación da oficina de información turística

Logo do proceso de selección de persoal e o acondicionamento da instalación a oficina de información turística do Concello das Neves xa está activa.

 

O Concello das Neves, foi beneficiario dunha subvención da Deputación de Pontevedra para o financiamento dos custos da dotación de persoal para a realización de tarefas de información en Oficinas de Turismo Adheridas á Rede de Oficinas Rías Baixas durante o ano 2021 (publicado no BOPPO núm. 27 de 10 de febreiro de 2021), levou a cabo a contratación dunha traballadora, durante 6 meses, para o Punto de Información Turística das Neves. A subvención concedida foi de 7.000 euros.

Ler Máis