Blog

06 Mar
0

O Concello conmemora o 8M poñendo en valor as “Mulleres das Neves”

O 8M de 2021 estará profundamente marcado pola pandemia. Con isto, e conscientes da importancia do ‘Día Internacional da Muller’, dende o Concello desenvolveuse un programa denominado “Mulleres das Neves”, coordinado por Patricia Maquieira.

Dixo Virginia Woolf que “En moitas ocasións na historia, ‘Anónimo’ foi unha muller”. Por esta razón, con este proxecto trotouse de visibilizar a mulleres, no noso día a día por excelencia, mulleres neste caso emprendedoras, que teñen un negocio nas Neves.

Son un total de 15 mulleres que rexentan diversos establecementos de alimentación e produtos agrícolas, panaderías, estancos, librerías, perruquerías, tendas de roupa, unha xestoría e unha clínica dental.

Unha serie de imaxes para os seus establecementos e un vídeo final que se
publicará nas redes sociais.

A entrega das fotos en tamaño A1 e cartón pluma, así como a proxección en primicia do vídeo, será este domingo 7 de marzo no Auditorio Municipal ás 12:00 h; nun acto a porta pechada ao que só asistirán as participantes no programa e as e os representantes do goberno local.

Ler Máis
04 Mar
0

O Concello das Neves mostra o seu apoio ao persoal do Centro de Día

 

O Concello das Neves, quere facer público o seu total apoio ás reivindicacións do persoal do Centro de Día.

O apoio foi trasladado da man da Concelleira de Servizos Sociais, Pilar González, e do alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, que, nunha visita ao centro se achegaron a escoitar e coñecer a situación laboral destas profesionais dependentes do Consorcio Galego da Igualdade e do Benestar.

Este colectivo, que leva 13 anos traballando na localidade, ten convocados paros de 8:00 a 11:00 h todos os xoves, de xeito indefinido.

O obxectivo das súas reivindicacións é a paralización da Oferta de Emprego Público (OPE) convocada pola Xunta, que afecta na súa maioría a mulleres entre 45 e 55 anos, para manter os servizos prestados coa maior calidade, especialmente neste momento, marcado pola Covid-19; e non perder os seus postos de traballo.

As traballadoras destacan e agradecen tamén o apoio recibido por parte das familias das persoas usuarias.

Ler Máis
03 Mar
0

Os afectados polo peche da fronteira con Portugal teñen xa un rexistro para pedir posibles indemnizacións

O AECT Río Minho xa ten operativo  o rexistro de persoas afectadas polo peche da fronteira para solicitar posibles indemnizacións.

Pódese acceder ao mesmo entrando en smartminho.eu e sinalar datos sobre o tipo de perxuizo sufrido: perdas de tempo, aumento de custes de viaxe ou redución de clientela da outra marxe

No formulario online (tamén hai a opción de cubrir un PDF) as persoas interesadas deben deixar os seus datos persoais; aclarar se son particulares, empresas ou autónomos; o sector no que traballan (servizos, industria ou comercio); o número de viaxes que debe realizar entre ambos lados da fronteira, o número de quilómetros que percorren habitualmente coa fronteira aberta e coa fronteira pechada.

Máis de 92 millóns de euros en perdas

Todos estes prexuízos xa foron constatados polo estudo socioeconómico elaborado polo profesor Xavier Cobas, da Universidade de Vigo, no que se puña de manifesto o dano que o peche da fronteira engade á situación da pandemia na economía miñota.

As perdas de facturación cifráronse en máis de 92 millóns de euros só nos sectores de hostalería e comercio a consecuencia do primeiro confinamento e o peche da fronteira entre Pontevedra e Portugalentre o 17 de marzo e o 30 de xuño do pasado ano.

Ler Máis
01 Mar
0

As Neves ‘estrea’ este martes salón de Plenos, cun novo sistema audiovisual que permitirá a transmisión en directo da sesión

Este martes, 2 de marzo, o Concello das Neves estrea  o seu ‘novo salón de plenos’ cunha sesión ordinaria do Pleno da Corporación ás 20:00 h.

O antigo salón foi renovado na súa totalidade coa instalación dun novo ‘estrado’ para as concelleiras e concelleiros, dotado de micrófonos individuais, conexións para teléfonos móbiles, ordenadores  e tabletas.

 

Tamén conta con un novo sistema de alumeado, adaptado ás condicións exteriores, de baixo consumo e ecolóxico, ou cadeiras novas, tanto para os concelleiros coma para o público que asista ao pleno. Así mesmo, reformouse totalmente a pintura de paredes e teitos, o acceso ao mesmo e os estores das fiestras para aproveitar ao máximo a luz natural.

O novo salón de plenos que, subliñan o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, e o tenente de alcalde, Marcelino Couto, “presenta unha nova imaxe renovada e máis moderna e actual das Neves”, incorpora un sistema audiovisual que permite a proxección de calquera tipo de imaxes dende un equipo externo a unha pantalla retráctil. Tamén fai posible a gravación e retransmisión en directo dos plenos por ‘streaming’, tal e como se fará este martes, a través das canles telemáticas e redes sociais do Concello.

NOTA: na situación actual da pandemia de COVID19  o acceso presencial do público non estará permitido xa que o aforo da estancia non o permite.

Ler Máis
01 Mar
0

Haberá un rexistro de traballador@s de 26 concellos, entre eles As Neves, afectados polo peche da fronteira con Portugal

Cunha pancarta xigante co lema ‘Open the border’ no medio da ‘Ponte da Amizade’ entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira. Así decidiron hoxe alcaldes e alcaldesas do territorio do Miño (de 26 concellos) chamar a atención sobre o dano económico que está a sufrir o territorio miñoto, tanto empresas como persoas traballadoras dunha e outra banda, polo peche da fronteira con Portugal.

Petición de axuda as autoridades galegas, estatais e europeas

O vicedirector do AECT Rio Miño Uxío Benítez destacou que se trata dun berro de axuda tanto ás autoridades galegas, estatais como europeas para abrir todos os pasos da fronteira, e tamén para que se inxecten axudas económicas que palien o dano feito na economía da zona pola decisión dos estados español e portugués. “O mal xa está feito ábranse agora os pasos ou dentro dun mes. Non nos fixeron caso nas nosas reivindicacións e agora queremos que nos teña en conta e se nos compense polas perdas”, afirmou o nacionalista.

De 200 a 300€ mensuais en combustible

Benítez puxo cifras e lembrou que as persoas traballadoras están a gastar unha media de 200 e 300 euros mensuais en combustible nos rodeos para pasar polo único paso aberto 24 horas (Tui-Valença). Tamén destacou que, segundo o estudo de impacto elaborado pola UVigo (presentado o pasaro venres), a hostalería da zona do Miño está a perder un 19% de facturación polo ‘efecto fronteira’ a maiores do que perdería pola pandemia calquera negocio noutra ubicación, igual que o comercio ten un 12% máis de perdas por estar na ribeira do Miño.

O mandatario destacou que nestes momentos está aberto o debate do cadro comunitario dos fondos transfronteirizos do POCTEP 2021-2027, polo que o que cómpre “ é compensar ao territorio polo perxuizo económico de decisións políticas dos Estados”

Máis de 6.000 traballadores

Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, censurou a negativa de poñer controis nos pasos entre ambos países para facer efectivo o control sanitario. Lembrou que iso obriga ás persoas traballadoras , máis de 6.000 que se moven na raia do Miño, a utilizar un punto que funciona como funil que é a ponte internacional de Tui-Valença. “Persoas con salarios que nesta zona non son moi altos ven incrementados os seus gastos e o tempo dedicado ao desprazamento, co que implica na conciliación”, dixo.

Tamén subliñou que resulta “lamentable” esta situación porque “este erro” xa se cometeu o ano pasado durante o anterior peche de fronteiras. “Estamos convencidos de que é unha cuestión efectista, porque a xente que ten que pasar segue a pasar igual. O que hai que facer é poñer controis nas cinco pontes internacionais, é moi fácil, insistiu, engadindo que neste caso o que fixeron é dividir un territorio. “É como se nos quitasen a metade do territorio, a metade dos clientes, a metade dos empresarios, a metade dos traballadoresAo pechalo, que se nos compense. Os fondos transfronteirizos teñen que compensar aos territorios de fronteira, non poden ser para todo. E iso tense que facer efectivo no próximo cadro comunitarios”, finalizou.

Rexistro de persoas afectadas polo peche da fronteira

Dende o AECT anunciouse a creación dun rexistro de persoas afectadas polo peche da fronteira que se xestionará a través do Agrupamento e de todos os concellos implicados nunha oficina conxunta co fin de proceder á tramitación de posibles indemnizacións. Así mesmo, presentarase unha moción tipo nos 26 concellos para ter o refrendo e reivindicar ante todas as institucións tanto a apertura inmediata dos pasos como as compensacións económicas polo peche.

Na protesta de hoxe participaron alcaldes e alcaldesas e outros representantes dos concellos dunha e outra banda do río: A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salceda de Caselas, Salvaterra, As Neves, Arbo, Caminha, Vila Nova de Cerveira, Valença, Paredes de Coura, Monçao e Melgaço.

Ler Máis
27 Feb
0

O Concello valora coma “moi positiva” a actividade do ‘Día de Rosalía

As Concellerías de Cultura e Ensino colaboraron cos centros de ensino para a celebración do ‘Día de Rosalía’, promovendo actividades en todos eles e obtendo unha resposta moi activa, xa que, por primeira vez, os
cinco centros de ensino presentes no concello realizaron accións de homenaxe este 24 de febreiro.

Escolas infantís de Rubiós e Taboexa

Nas Escolas de Educación Infantil de Rubiós e Taboexa traballaron arredor do poema “O moucho”, con cancións e realizando obradoiros de cociña nos que elaboraron mouchos con galletas e madalenas.

CEIP Marquesa do Pazo da Mercé

No CEIP Marquesa do Pazo da Mercé realizaron lecturas, interpretacións musicais, a proxección da curta “Rosalía pequeniña” e un mosaico fotográfico reconstruíndo a faciana de Rosalía.

IES Pazo da Mercé

Pola súa parte, no IES Pazo da Mercé desenvolveuse un programa de actividades chamado “Rosaliándonos” que comezou o 22 de febreiro e rematará o xoves 4 de marzo. Nel inclúense conferencias sobre a escritora con profesoras universitarias da Coruña, de Barcelona e, mesmo de Gales; clases de poesía con María Lado, obradoiros de marcapáxinas, un recital grupal e un concurso literario.

Por último, o alumnado do Ciclo Superior de Educación Infantil da EFA elaborou un vídeo homenaxeando a escritora.

Dende as dúas concellerías colaboraron activamente con todos os centros de ensino aportando libros para agasallar ao alumnado participante nos concursos e certames literarios.
Ademais, as dúas concelleiras, de xeito simbólico, o día 24 levaron aos centros un libro e unha rosa. Indican Rocío Barreiro e Pilar González, que pretenden que esta sexa a primeira dunha longa e continuada colaboración entre os centros e a institución, e xa están a traballar
para as vindeiras efemérides.

Dende o martes, como vén sendo habitual dende 2016, na fachada da Casa do Concello, pendura unha pancarta homenaxeando a Rosalía de Castro.

Ler Máis
24 Feb
0

O Concello e as alumnas e alumnos dos centros de ensino das Neves celebran o ‘Día de Rosalía’

Para celebrar o ‘Día de Rosalía’, os centros de ensino, de todos os niveis, e o Concello das Neves teñen programadas as seguintes actividades:

Escola de Educación Infantil de Rubiós

As nenas e nenos da Escola Unitaria de Rubiós van interpretar a canción do poema “O moucho” e trasladala a un collage. Ademais, realizarán un obradoiro de cociña para elaborar un moucho con madalenas e galletas tipo Oreo.

Escola de Educación Infantil de Taboexa

Na Escola Unitaria de Taboexa tamén realizarán unha coreografía arredor do poema “O moucho” e un obradoiro elaboración de galletas.

CEIP Marquesa do Pazo da Mercé

No colexio de Educación Infantil e Primaria, realizarán unha serie de actividades para todos os cursos:
Lectura de poemas por cursos.
– Proxección da curta “Rosalía pequeniña”.
– Elaboración dun mural coa cara de Rosalía usando as súas fotos.
– Escoita de poemas musicados.
– Interpretación musical de “Adiós rios, adiós fontes”.
Visita á biblioteca escolar para ler/ver libros de/sobre Rosalía.

IES Pazo da Mercé

No Instituto de Educación Secundaria, artellaron unha serie de actividades integradas nun programa que chamaron ‘Rosaliándonos’:

22 de febreiro:
• A luz inextinguíbel de Rosalía de Castro. Conferencia impartida por Pilar García Negro, profesora da Universidade da Coruña. Curso: 4º ESO.
• Rosalía entre nós. Clase impartida pola poeta María Lado. Curso: 3º ESO

24 de febreiro:
• E ben, para que escribo? A resposta oculta de Rosalía. Conferencia impartida por María Xesús Lama, profesora da Universitat de Barcelona. Curso: 1º Bacharelato.
4 de marzo:
• Rosalía radical: notas sobre as teorías críticas do S. XIX para lerdes El caballero de las botas azules. Conferencia impartida por Helena Miguélez-Carballeira, profesora da Universidade de Bangor (Gales). Curso: 1º Bacharelato.
Ademais:
• Obradoiro de marcapáxinas.
• Hora de ler: Teus doces cantares.
• Concurso da biblioteca: Descubrindo a Rosalía.

Concello As Neves

As Concellerías de Cultura e Ensino colaborarán activamente con todos os centros de ensino aportando libros para agasallar ao alumnado participante nos concursos e certames literarios.

Ademais, as dúas concelleiras, de xeito simbólico, o día 24 levarán aos centros un libro e unha rosa.

Dende o martes, como vén sendo habitual dende 2016, na fachada da Casa do Concello, está pendurada unha pancarta homenaxeando a Rosalía de Castro.

Ler Máis
22 Feb
0

Traballos de limpeza e retirada de especies non permitidas en 10 quilómetros de vías municipais

O Concello vén de solicitar a inclusión de máis zonas no Convenio con Seaga para a xestión da biomasa das faixas de protección dos núcleos de poboación. Os traballos, que se suman aos que xa se iniciaron nas faixas de Liñares, Tortoreos e As Neves, suman ata 10 hectáreas de execucións subsidiarias, 10 Km de beiras de pistas, e actuacións nos terreos nos que se desenvolverá a aldea modelo.

Novas actuacións aprobadas

Nestas novas faixas das vías municipais, que xa foron aprobadas pola comisión de seguimento do convenio, realizaranse inspeccións en campo e notificarase aos propietarios das parcelas sen xestionar. Os propietarios contarán cun prazo de 30 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da notificación para xestionar a parte afectada das parcelas. Se pasado ese prazo non se actuou nestas, Seaga procederá a realizar os traballos con cargo ao convenio.

Retirada de piñeiros, acacias ou eucaliptos

Estes traballos consistirán na roza do mato e a retirada de especies arbóreas non permitidas (piñeiros, acacias, eucaliptos,) nos 6 metros a cada lado das marxes das vías de titularidade municipal aprobadas, para adecualas ás distancias establecidas na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia e na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

No caso de haber madeira de especies que non poidan estar presentes, os propietarios poderán retirala antes de que remate o prazo indicado. Se é Seaga quen finalmente realiza estes traballos a madeira sería decomisada polo convenio.

As novas zonas incluídas nestas faixas son:

Santa Eulalia de Batalláns: Gandarela.
San Pedro de Batalláns: Pista da zona do torreiro a Guimeráns.
Taboexa: Do CIPC a zona da Cabreira.
Rubiós: Baixada as Gándaras, da Ribadeira á Lomba e a zona do Hotel Nande. Do Casteliño ao Lombo.
Setados e As Neves: De Barrela a Garavisco.
Vide: O acceso a Prado.
Santiago de Ribarteme: Da fonte da Ceferina a Ninarellos.
San Xosé de Ribarteme. De Quinteiro por Rodeiro a Moradella e A Cernada.

Ler Máis
21 Feb
0

Ramiro, ‘o carteiro’ mantén vivo o espírito dun Entroido ao que agardamos en 2022

 

O Entroido non quere despedirse, aínda que esteamos nunha situación tan peculiar como a da pandemia, que obrigou a suspender todos os actos en moitos concellos da xeografía galega ou, directamente, a non facer programación algunha.

Nas Neves, dende 2016, o Concello recuperou esta festa e fixo cada ano unha programación na que non faltaron os pasarrúas,concertos, bailes, desfiles, concursos de disfraces…e a queima da velutina, xa todo un emblema de seu do noso Entroido.

Ramiro, o carteiro, comezou a compoñer unha ‘coplas’ ou ‘chirigotas’, que en pouco tempo pasaron a ser parte esencial desta cita, mesmo un dos momentos agardados da diversión, da que tanto gozamos antes de ter a COVID forzase a aprazar tantas cousas.

Hoxe, Ramiro segue mantendo o espírito do Entroido. Aínda que non temos nin bailes, nin carozas, nin antefaces e non levamos outra máscara que esta para resgardarnos contra o contaxio, ‘o carteiro’ segue cantando, só ou facendo un dueto, agardando que o acompañemos bailando na casa, practicando para o ano que ben..ou, quen sabe se asustando coa música a este virus que moi cedo acabará no lume,coma a velutina.

Ler Máis
20 Feb
0

‘Violencia Zero’ nas Neves

O luns 22 de febreiro ás 13:00 h, terá lugar nas Neves unha acción do Programa “Violencia Zero” da Deputación de Pontevedra.

Será na Casa da Auga, sen público, e retransmitida por streaming a través de www.depo.gal e de www.asneves.gal. ou entrando en https://youtu.be/QchbS8MS030.

A acción consiste na representación escénica da peza “Rompendo o silencio” a cargo da actriz Carmen Pérez.

Ler Máis