Blog

27 Nov
0

Aprobación do Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sustentábel (PACES)

No Pleno Municipal do pasado martes 24 de novembro, As Neves aprobou o documento base para traballar na redución de emisións do CO2, coa previsión de chegar a 2030 coa redución do 40% en relación coas da actualidade.

Alcaldías polo Clima

O Plan foi impulsado pola área de Medio Ambiente que dirixe o tenente de
Alcalde Óscar González, logo de adherirse ao Pacto das Alcaldías pola Clima.

Os traballos do Plan comezaron cun estudo das emisións producidas en 2010 e 2019 e cunha caracterización das condicións xeográficas, ambientais e climáticas do concello.

Prevención de incendios forestais

Cos resultados formúlanse unha serie de accións de mitigación e adaptación para conseguir de cara a 2030 a redución da emisión de gases en dun 40% como mínimo, e evitar así riscos climáticos como os problemas relacionados co ciclo da auga e a prevención de incendios forestais.

Trátase de accións que o goberno das Neves xa comezou nestes últimos anos para conseguir o obxectivo marcado para 2030 son, por exemplo, o cambio completo da iluminación pública, que vai supoñer un aforro enerxético e económico.

‘Revitaliza’
Outro grande proxecto implantado no camiño da redución de emisións é o Plan Revitaliza; un plan de xestión ecolóxica do lixo, no que a compostaxe doméstica e comunitaria conseguen que os restos orgánicos non se convertan en lixo para a recollida e tratamento, evitando a
correspondente contaminación.

Para os vindeiros anos defínense como precisas as accións que incidan nas emisións vinculadas coa mobilidade e o consumo de enerxías renovables nas vivendas e outras edificacións, industrias ou comerciais

Ler Máis
26 Nov
0

‘Mareas de coñecemento e experiencia’

 

A finais da semana pasada remataron os seminarios do curso “Mareas de coñecemento e experiencia” organizados pola Concellería de Servizos Sociais, e incluídos dentro do programa de democratización do coñecemento, da Universidade de Vigo.



Con 15 horas de duración, o curso constou de seis seminarios: tres sesións divulgativas de tipo teórico realizadas na Biblioteca Municipal, e tres prácticas con saídas a Taboexa e San Nomedio, e unha andaina polo Camiño dos Pescadores. Ademais de visualizar os aspectos teóricos do patrimonio das Neves, o alumnado puido comprobar os efectos dos incendios no medio rural ou practicar os efectos saudables da actividade física.

 

Aos seminarios asistiron seis persoas que obtiveron o correspondente diploma. Todas as actividades resultaron de grande interese para as e os participantes, que valoraron moi positivamente tanto a organización como o nivel do profesorado que impartiu as clases deste programa formativo, financiado pola Consellería de Política Social e a Deputación de Pontevedra.

 

Ler Máis
25 Nov
0

Reposición de árbores en mal estado no centro urbano

O Concello vén de rematar a plantación de cinco árbores no centro urbano e na circunvalación das Neves.

Trátase dunha serie de árbores que veñen a ocupar o lugar de
algúns que se atopaban en mal estado ou que caeran nos últimos días.

As árbores, plantadas por persoal municipal e  financiadas polo Voluntariado -‘As Neves Zona 0-‘, foron unha fotinia vermella (photinia), dúas ‘árbores do amor’ (cercis siliquastrum), un falso plátano (acer pseudoplatanus) e unha tilia.

Ler Máis
23 Nov
0

Formación en Igualdade para os alumnado do IES Pazo da Mercé

 

Dentro do proxecto de intervención socio-educativa para fomento da igualdade entre o alumnado dos centros educativos das Neves, promovida pola Concellería de Servizos Sociais, este martes, día terá lugar no Auditorio Municipal unha charla dirixida ao alumnado do IES
Pazo da Mercé en dúas sesións: de 9:15 h a 11:15 h para 1º e 2º de Bacharelato e de 12:00 h a 14:00 h para 1º e 2º de FP Básica e Ciclos Medios.

A charla participativa estará impartida por unha sexóloga que desde unha perspectiva de xénero, falará sobre relacións afectivas e sexualidade e tratará de desmontar falsos mitos e crenzas con respecto a estes temas.

Empregaranse vídeos e dinámicas que se alternarán coa exposición de contidos, lanzando cuestións para favorecer a reflexión e promovendo que, de xeito participativo, o alumnado poida expresar as súas dúbidas e opinións, así como cuestionarse conceptos ancorados no seu “eu” máis profundo.

Ler Máis
19 Nov
0

Comeza a ampliación do Centro de Saúde logo da cesión da antiga ‘Galiña Azul’ por parte do Concello

O Servizo Galego de Saúde (SERGAS) vén de comezar as obras de acondicionamento das vellas instalacións da Galiña Azul’, situadas a carón do Centro de Saúde.

O Concello das Neves cedera o ámbito da antiga Escola Infantil ao SERGAS para a ampliación do Centro de Saúde da vila que gañará, así, máis de 50 metros cadrados que estarán adicados ao novo Servizo de Pediatría, tal e coma acordaran hai varios meses, o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, e o daquela xerente da Área Sanitaria, hoxe conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que estivo o pasado mes de agosto nas Neves para coñecer as instalacións.

A colaboración entre o Concelo das Neves e o Sergas é constante dende hai anos. Na primeira onda da pandemia, a Concellería de Benestar Social, dirixida por Pilar González Casas, levara a cabo a colocación no Centro de Saúde dunha ‘mampara’ que serve para delimitar unha zona específica onde sexa posible atender as nenas e nenos de Pediatría que cheguen ao centro con febre.

Ler Máis
17 Nov
0

Comezan nos centros de ensino das Neves as actividades con motivo do 25N

A semana pasada comezaron as actividades do proxecto de intervención socio-educativa para o fomento da igualdade entre o alumnado dos centros educativos das Neves promovido polo Concello.

Contacontos e obradoiros

O alumnado de 2º ciclo de Educación Infantil do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé e das escolas unitarias de Rubiós e Taboexa está a gozar de contacontos e obradoiros nos que se traballa arredor do tema “Na casa tod@s iguais”.

“As novas masculinidades”

No IES Pazo da Mercé, desenvólvense varias sesións destinadas ao alumnado de 3º da ESO arredor do tema das “novas masculinidades”. Nestas actuacións cóntase co apoio dun grupo de representantes do Comando de Igualdade e Diversidade existente no centro, así como da profesora de Educación Plástica, Visual e Audiovisual.

A través desta iniciativa preténdese que o alumnado, especialmente os rapaces, inicien un proceso de reflexión que sirva de xermolo de cambio persoal cara a posicións e formas de ser e actuar máis igualitarias. O obxectivo é que sexan quen de recoñecer que o patriarcado, como orixe dunha sociedade marcada polas inxustizas e a desigualdade, sitúa aos homes nunha situación de vantaxe polo mero feito de selo, polo que adoptando unha nova masculinidade deben estar dispostos a perder privilexios para gañar en igualdade, dende o convencemento de que co cambio eles tamén gañarán.

Ler Máis
16 Nov
0

Recuperación ambiental e paisaxística en Porto Maior

O Concello ven de rematar a primeira fase do proxecto de mellora do entorno e integración paisaxística da praia de Porto Maior.

Os traballos desta primeira actuación consistiron na retirada de especies invasoras e roza da área que rodea a praia dende a beira do río ata a vía de acceso.

Na seguinte fase, que rematará en marzo de 2021, realizaranse varias actuacións entre as que se inclúen a creación de sebes con especies frondosas nas beiras dos camiños, ampliación e acondicionamento da actual zona de aparcadoiro, reparación de mobiliario en mal estado e a colocación dunha árbore conmemorativa.



O proxecto, executado pola empresa Sherpa Project, e que conta con todos os permisos de actuación (Patrimonio, ADIF e a Comunidade de Montes das Neves), terá un custo total de 24.087,71€, dos cales 19.916,00€ serán cubertos polas Axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agro-ambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000 da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Ler Máis
13 Nov
0

Nova sesión de ‘Cultura no Outono’ con cine: ‘O que Arde’, de Oliver Laxe

Continúa o programa de ‘Cultura no Outono’ coa proxección do filme ‘O que arde’, este domingo 15 de novembro ás 19:00 h no Auditorio Municipal.

Esta obra estaba xa na programación do cinema de inverno, que fora adiada por mor da declaración do estado de alarma. Trátase do filme dirixido polo lucense Oliver Laxe, galardoado con numerosos premios, incluídos os Goya a mellor actriz revelación (Benedicta Sánchez) e mellor fotografía e ata seis premios Mestre Mateo.

• Debido á limitación do aforo, recoméndase realizar a reserva de asentos previamente no enlace: bit.ly/culturaoutono
• Para acceder ao auditorio será obrigatorio o uso de máscara.

Ler Máis
13 Nov
0

As Neves mantén a colocación do alumeado de Nadal, apostando polo aforro enerxético

O Concello mantén a colocación do alumeado especial de Nadal, como medida para facer máis acolledoras as rúas e contribuír a mitigar efecto negativo que está tendo a situación sanitaria actual.

O custe do alumeado será o mesmo de anos anteriores pero amplíase a área sobre a que se actúa, incluíndo a rúa Rosalía de Castro e a praza de San Agustín. Ademais, este ano o alumeado estará composto de luces LED, que supoñen un aforro enerxético.



O acendido das luces está programado para a primeira fin de semana de decembro e o horario de permanencia das mesmas será máis reducido que outros anos, apagando antes das 00:00 h.

Ler Máis