Tratamento do Lixo

O concello das Neves está adherido ao Plan Revitaliza posto en marcha pola Deputación de Pontevedra dende os seus inicios, apostando forte pola mudanza cara un modelo de xestión de residuos máis sustentable e respectuosa co medio que nos rodea.

Nestes anos, repartíronse entre a veciñanza uns 1050 composteiros individuais e instaláronse 5 centros de compostaxe comunitaria no casco urbano (4 deles para uso dos veciños e veciñas e 1 que dá servizo á cociña do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé). Ademais, todos os centros de ensino dos distintos niveis educativos do concello contan tamén cun composteiro individual para fomentar a educación ambiental neste eido. Cabe facer especial mención a que todo o compost obtido a partir dos biorresiduos xestionados no CEIP Marquesa do Pazo da Mercé foi empregado no propio centro, ben na horta ou ben en diferentes actividades organizadas polo colexio, pechando deste xeito o ciclo e dando lugar a un proceso de xestión de residuos km 0.

Nos anos 2018, 2019 e 2020, os centros de compostaxe comunitarios xestionaron máis de 56 Tn de residuos orgá

nicos e fracción vexetal, os cales produciron un recurso moi valioso que é o compost.

O compost conta con numerosos beneficios para a terra, xa que debido á súa estrutura aterroada, facilita a formación de conglomerados do solo, o que lle permite manter unha correcta aireación e humidade. Trátase dun produto natural, sen compostos químicos e libre de patóxenos, que en moitos casos actúa como bactericida e funxicida. É un excelente fertilizante para as plantas por ser rico en nutrientes e macronutrientes, pechando así o ciclo da materia orgánica.

Pero…Cómo se realiza a compostaxe?

A compostaxe é un proceso que converte os restos de comida e vexetais (biorresiduos) nun producto fertilizante, no cal están implicados organismos e microorganismos descompoñedores naturais, e no que é necesario mesturar os residuos de cociña e xardín (parte húmida ou biorresiduos) con restos leñosos secos de podas, serraduras e follas (parte seca ou estruturante), para producir unha emenda orgánica ou fertilizante de elevada calidade: o compost. Por cada 100 quilos de materia orgánica obtéñense uns dez quilos de compost peneirado.

Como se ve, é un proceso do máis sinxelo, simplemente é preciso mesturar a mesma cantidade de biorresiduos con material estruturante, revolvelo de vez en cando e regar si é preciso, do demais encargaranse os nosos amigos os organismos e microorganismos descompoñedores, os cales se atopan de xeito natural nos propios residuos.

Qué podo botar?

Da cociña

Do xardín

  • Restos de froita de verdura

  • Arroces e pastas

  • Carne e peixe

  • Pan e ovos

  • Iogures

  • Pousos e filtros de café

  • Restos e bolsas de infusións (quitando as grampas)

  • Panos e papel de cociña sen tinturas

  • Comida xa cociñada

  • Follas, flores e plantas verdes ou secas

  • Herba

  • Restos de poda triturados

  • Cinza e serraduras de madeira natural

  • Restos da colleita da horta

  • Froita caída

  • Palla

Qué non podo botar?

  • Cinza de madeira tratada

  • Cueiros desbotables

  • Revistas ou papel impreso a cor

  • Restos de aspiradora ou de varrer

  • Filtros de cigarros

  • Tecidos sintéticos

  • Calquera material non orgánico e biodegradable

 

Gráficos

Ámbitos como o tratamento do lixo, a xestión do Punto Limpo, o tratamento de pragas son entre outras ocupacións deste departamento.